A música e o baile tradicional galego estarán no Mundial de Fútbol de Qatar
A música e o baile tradicional galego estarán no Mundial de Fútbol de Qatar
A asociación Celme actuará na contorna dos estadios ata o 2 de decembro
A música e o baile tradicional galego estarán representados no mundial de fútbol que xa comeza en Qatar. A asociación CELME de Pontevedra ensaia o seu repertorio antes de viaxar cara a Doha.
Estarán no país ata o 2 de decembro, doce días. Foron convidados pola Federación Internacional e Europea do Folclore.
Actuarán arredor dos estadios en escenarios habilitados e no seu repertorio levan xotas, rodas, muiñeiras ou foliadas con traxes de gala e de traballo para dar unha imaxe completa do folclore nas distintas comarcas galegas.
Non hai ninguén no grupo que viaxa que non critique a falta de dereitos humanos nese país pero a asociación considera esta unha oportunidade, un escaparate para amosar o folclore galego ao mundo.
"Nós, evidentemente, non podemos compartir o sistema político, sobre todo o trato ás mulleres. Nós simplemente pensamos en que imos amosar o noso folclore, a nosa cultura. Alí haberá moita xente de todo o mundo, a selección española de fútbol é importante para todos nós, e nós estaremos alí apoiando a nosa selección e amosando a nosa cultura", conta a TVG o presidente da Asociación Folclórica Celme, Enrique Domínguez Lino.
"Á parte son pezas recollidas nas vilas, nas aldeas, de fai moito tempo, e a xente maior foi a que non ensinou estes bailes, estas músicas. Nós adaptámolo ao noso grupo e entón nós somos representantes da Galicia tradicional", engade Teresa Domínguez, que é mestra de baile e tamén bailará en Qatar coa Asociación Folclórica Celme.