Publicador de contidos
Publicador de contidos

O fume dos incendios do Canadá chega a Galicia tras percorrer miles de quilómetros

O fume dos incendios do Canadá chega a Galicia tras percorrer miles de quilómetros

A presenza do fume xera unha redución lixeira da visibilidade, pero non afecta a calidade do aire

Vista da ría de Vigo, onde se aprecia o fume (EFE/Sxenick)
G24.gal 26/06/2023 11:46 Última actualización 26/06/2023 13:28

O fume dos incendios do Canadá chegou a Galicia tras percorrer miles de quilómetros nas capas altas da atmosfera, aínda que só xera unha redución lixeira da visibilidade sen afectar á calidade do aire, segundo Carlos Otero, meteorólogo de Meteogalicia.

O experto en meteoroloxía sinalou que os incendios "moi intensos", como os que afectan O Canadá, son "capaces de elevar o fume a niveis altos da atmosfera" e, nesas capas, unha corrente de aire en altura, o 'jet stream', é capaz de "trasladar" esa nube miles de quilómetros.

Entre o Canadá e Galicia hai máis de 5.000 quilómetros, unha distancia que lograron completar as partículas procedentes dos incendios canadenses.

O modelo CAMS, que proporciona predicións de calidade do aire sobre Europa, reflicte a chegada á Península Ibérica desas partículas que son "moi finas e mantéñense en suspensión moito tempo", afirma Otero.

Este domingo comezou a detectarse o fume dos incendios, este luns será o día de maior concentración e tamén parte do martes, segundo Meteogalicia.

"Provoca unha redución lixeira de visibilidade, a sensación de ambiente turbio, como de calixe, pero non hai po sahariano senón concentración de fume", indica o meteorólogo.

As mellores horas para observar este fenómeno son as primeiras da mañá ou á noitiña.

Engade que "a nivel superficial non se detectan cambios na calidade do aire" e precisa que "se irá diluíndo e dispersando na atmosfera".

A concentración no resto de España será menor que en Galicia, o mércores apenas se percibirá e o xoves está prevista a entrada dunha fronte que limpará o ambiente. 

A pesar de que o tachan de "anécdota", desde Meteogalicia puxeron en valor a tecnoloxía actual, que permite visualizar onde se atopan estes fumes e o percorrido que previsiblemente farán.

Precisamente o observador europeo Copernicus mostra que esta nube de fume manterase no ceo do norte de España durante polo menos dous días máis, pero irá esvaecéndose co paso das xornadas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade