O furacán Danielle perderá intensidade e non afectará a Galicia
O furacán Danielle perderá intensidade e non afectará a Galicia
Segundo a Aemet, a evolución probable será cara ao nordés, lonxe das costas da península Ibérica
Perderá intensidade nos vindeiros días e quedará como tormenta tropical
A Axencia Estatal de Meteoroloxía séguelle moi de preto a pista ao furacán Danielle, categoría un, xerado preto das illas dos Azores. E aínda que parecía que podía avanzar cara á península Ibérica e afectar a Galicia, os meteorólogos descartan xa que iso vaia acontecer.
"A súa probable evolución é que se mova cara ao nordés, polo tanto lonxe das costas da península Ibérica e lonxe das costas de Galicia. É probable tamén que vaia perdendo intensidade segundo se vaia movendo cara ao norte", asegura Francisco Infante, delegado da AEMET en Galicia.
Segundo as previsións do Centro Nacional de Furacáns dos Estados Unidos, na Florida, o fucarán non representará un perigo en terra.
"Xa cara ao xoves o máis probable é que pase a unha categoría inferior á de furacán, polo que quedará como depresión tropical ou tormenta tropical", destaca.
A Aemet descarta agora que vaian chegar ata a península Ibérica nin sequera ondadas xeradas no núcleo do furacán.
"O mércores 7 non se move practicamente de aí (preto dos Azores) e cando comeza a moverse xa se debilita. Pasa a formar parte da borrasca que vén detrás e xa desaparece como sistema", afirma o delegado da AEMET en Galicia.