O Goberno abre a reforma do subsidio do paro con posturas enfrontadas entre Traballo e Economía

O Presidente do Goberno avanza que haberá acordo, porque é unha esixencia para recibir novos fondos europeos

G24.gal 04/12/2023 14:48

É unha das reformas estruturais pendentes. Unha transformación do nivel asistencial por desemprego que sirva para incentivar a volta ao mercado de traballo. "Tócanos nesta lexislatura emprender a reforma do servizo público de emprego, que é convertelo nunha axencia moderna", di Yolanda Díaz, vicepresidenta segunda e Ministra de Traballo.

Pero a ministra de Traballo e a titular de Economía discrepan sobre a forma de levar a cabo a reforma. Nadia Calviño propón un recorte na duración do subsidio de 30 a 12 meses e rebaixar a contía que percibirían os desempregados por baixo dos 480 euros actuais. Un recorte que non aceptan desde Traballo. "Non hai argumento que xustifique recorte ningún no sistema de protección por desemprego", defende Joaquín Pérez Rey, secretario de Estado de Traballo.

Por iso, defende traballo, porque hai financiamento dabondo, levarán á mesa unha proposta de elevar a contía a 660 euros durante os seis primeiros meses. Pedro Sánchez recoñece que hai distintas visións dentro do Goberno e advirte: "Temos distintas visións e atoparemos acordo. Temos un compromiso con Bruxelas ao que está condicionado o cuarto pagamento dos fondos europeos".

Os sindicatos defenden unha revisión en profundidade que reforce o sistema de protección social e o papel dos orientadores laborais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade