O Goberno aproba a maior oferta pública de emprego, con 44.787 prazas
O Goberno aproba a maior oferta pública de emprego, con 44.787 prazas
34.151 son prazas ordinarias e 10.637 son do plan de estabilización temporal de emprego
Das prazas ordinarias, 15.800 prazas serán de acceso libre e 9.591 de promoción interna
O obxectivo do Goberno é que estean aprobadas antes de que remate o ano
O Consello de Ministros aprobou esta mañá "a maior oferta pública de emprego da historia", para este ano 2022, en total vai ofertar 44.787 prazas co obxectivo de reforzar as políticas públicas, algo que "non se pode facer se a Administración non conta co persoal necesario", salientou a ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero
Segundo explicou Montero na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros, 34.151 son prazas ordinarias, ás que se suman as 10.637 prazas do plan de estabilización temporal de emprego.
Dentro da oferta de emprego ordinario, explicou Montero, 15.800 prazas serán de acceso libre e 9.591 de promoción interna e o obxectivo do Goberno é que estean aprobadas antes de que remate o ano.
Das 10.637 prazas do plan de estabilización, engadiu, 4.692 serán para a Administración Xeral do Estado e 5.945 para persoal de Xustiza.
Segundo este plan para atallar a temporalidade pública, "antes de xuño de 2022 todas as administracións teñen que publicar ofertas públicas de estabilización da temporalidade, non só a Administración xeral do Estado, senón tamén as comunidades autónomas e os concellos", indicou Montero.
Estas ofertas deberán convocarse antes de decembro deste ano, co obxectivo de que os procesos e as prazas adxudicadas antes do 31 de decembro de 2024, engadiu.