O Goberno aprobará en dúas semanas un plan con rebaixas fiscais
O Goberno aprobará en dúas semanas un plan con rebaixas fiscais
Aínda non se concretou en que vai consistir ese paquete de medidas
O presidente do Goberno asegurou que tamén se vai aumentar o gasto en defensa
Pedro Sánchez anunciou que o Consello de Ministros aprobará o vindeiro 29 de marzo un plan de resposta ás consecuencias da guerra en Ucraína, cunhas rebaixas fiscais que aínda non especificou.
O presidente do Goberno explicou nunha entrevista en La Sexta que o obxectivo deste plan é levar a cabo medidas para "amortecer as consecuencias económicas da guerra, protexer os colectivos máis vulnerables e facer unha repartición xusta equitativa do custo da guerra na poboación española".
Sánchez engadiu que "non pode pagar máis quen menos ten ou máis vulnerable é". Tamén informou de que o plan vai incluír "rebaixas fiscais", aínda que non especificou cales, xa que con anterioridade o Goberno ten previsto falar cos axentes sociais e os grupos parlamentarios.
Tamén engadiu que os españois teñen que ser conscientes de que de pouco serve pagar os impostos "se temos un sistema eléctrico disfuncional".
Por este motivo, recalcou a importancia de desvincular o prezo do gas e o prezo da electricidade. Esta proposta será formulada por España no Consello Europeo do próximo 24 e 25 de marzo, coa esperanza de que sexa aprobada.
"Non ten sentido nun país como España, onde en 2021 o 45 % da xeración da nosa enerxía proviña de enerxías renovables e un 15 % do gas. Ese prezo do gas está a definir o conxunto do prezo da electricidade no noso país. É un mal deseño europeo e o 24 e 25 de marzo temos que resolvelo", sinalou o presidente do Goberno.
Sánchez asegura que aumentará o gasto en defensa
Pedro Sánchez tamén confirmou este luns que España aumentará o orzamento militar na liña dos compromisos acordados coa OTAN para facer fronte aos novos retos para a seguridade do país que supón a ameaza de Rusia no leste do continente.
Na mesma entrevista sinalou que toda Europa ten que "tomar nota" do que está sucedendo en Ucraína e, así como ten que gañar autonomía enerxética, debe mellorar as súas capacidades de defensa xunto cos aliados da OTAN.
Tamén asegurou que se pretende evitar unha Terceira Guerra Mundial, por iso cre importante "medir as palabras", porque detrás dunha escalada bélica como a que está acontecendo, pode vir "algo irreversible" cunha potencia nuclear como Rusia involucrada.
Recordou tamén o artigo 5 do Tratado do Atlántico Norte que obriga os membros da OTAN a defender a calquera socio atacado por un terceiro. A esta iniciativa uniríase tamén España de inmediato, aínda que asegurou "que non é o escenario neste momento".
Tamén barallou a posibilidade dun ataque a países máis alá de Ucraína, como Polonia: "A ansia expansionista de Putin está aí", asegurou.