Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno confía en conseguir o apoio de ERC e Junts para os presupostos xerais

O Goberno confía en conseguir o apoio de ERC e Junts para os presupostos xerais

Os independentistas desmarcan as negociacións para as contas público do acordo para a amnistía

Bolaños cifra en 372 os beneficiados directos pola lei de amnistía

Puente replica ao aviso de Junts: a autodeterminación está "abocada ao fracaso"

G24.gal 08/03/2024 11:01 Última actualización 08/03/2024 15:28

Unha vez desencallada a lei de amnistía, o Goberno pon o foco nas negociacións dos presupostos xerais do Estado.

Os independentistas xa deixaron claro que non pagarán o acordo deste xoves co seu apoio ás contas públicas. Pero aínda así, o Goberno cre que Junts e ERC teñen vontade de aprobalos. Segundo a súa voceira, Pilar Alegría, "o interese deste goberno é seguir debatendo e seguir dialogando co resto de forzas parlamentarias para poder aprobar, o máis pronto, posible o presuposto".

Pero no propio gabinete de Pedro Sánchez hai quen xa abre a porta a prorrogar os presupostos do ano pasado. Para Óscar Puente, ministro de Transportes, aprobar unhas novas contas non é "unha cuestión apremante" para España e tampouco é "ningún drama traballar coa prórroga presupostaria".

O Goberno tamén minimiza a vontade expresa de Junts e de Esquerra de seguir poxando pola independencia de Cataluña tras aprobarse a lei de amnistía. Ao ministro de Presidencia, Félix Bolaños parécelle "que unha Cataluña independente, illada de España e da UE, é unha malísima noticia para os cataláns", pero, asegura que non van pedirlle aos partidos independentistas "que deixen de ser independentistas".

Insiste Bolaños en que todos os implicados no procés serán ser amnistiados, tamén Carles Puigdemont, aínda que evita darlle protagonismo. "Esta lei non está feita para ninguén, hai uns beneficiarios directos (...) pero realmente é para a sociedade catalá". 

O ministro da Presidencia sinalou este venres que, segundo os cálculos do Goberno, a lei de amnistía beneficiará directamente a 372 persoas que teñen causas penais pendentes relacionadas co procés.

Nunha entrevista en Els Matins de TV3, Bolaños evitou pronunciarse sobre cando podería regresar a España o expresidente catalán Carles Puigdemont, alegando que non pode pronunciarse sobre casos específicos e asegurando que "esta lei non está feita para ninguén" en concreto.

Reiterou que hai unha "vontade inequívoca" de que todas as persoas involucradas queden cubertas. O ministro salientou que, máis aló das persoas que poidan ser amnistiadas, "o beneficiario absoluto desta lei será a sociedade catalá e tamén a española".

"É unha lei que vai dirixida a esas ao redor de 400 persoas, segundo os números que temos no Goberno son 372 persoas que teñen causas penais pendentes, pero é unha lei que non só vai dirixida a elas. Poden ser os beneficiarios directos, pero, sobre todo, o beneficiario absoluto desta lei será a sociedade catalá e tamén a sociedade española. E esa é a finalidade e a bondade que ten esta lei de amnistía, que desde logo, co tempo poderase valorar con maior precisión", resaltou.

Bolaños fixo fincapé na vontade do PSOE de traballar "para a definitiva reconciliación" e subliñou a necesidade de que a lei de amnistía "cubra por completo a todas as persoas involucradas", co obxectivo de recuperar "eses afectos, agarimos e complicidades que se crebaron de maneira tan profunda en 2017".

O ministro destacou que o texto da lei de amnistía "foi en todo momento moi sólido e robusto", pero sinalou que, no marco da negociación do texto con Junts, o informe da Comisión de Venecia foi "fundamental".

Puente replica ao aviso de Junts: a autodeterminación está "abocada ao fracaso"

O ministro de Transportes, Óscar Puente, rexeitou o aviso de Junts de que continuará co proceso de independencia tras aprobarse a lei de amnistía na comisión de Xustiza do Congreso. "Ese camiño está abocado ao fracaso e non leva a ningún sitio", recalcou, e engadiu que "ninguén pode chamarse a engano".

Puente defendeu o camiño emprendido polo Goberno coa amnistía e a súa "convicción" de que dará resultado, mentres lamentou a postura de Junts ao insistir coa autodeterminación cando "é evidente" que non está contemplada na Constitución. "Deberiamos distinguir o teatro e o ruído das noces", sostivo o ministro socialista nun almorzo informativo da Cadena SER en Valencia.

JxCat seguirá negociando "fóra do foco" co PSOE sen renunciar á vía unilateral 

A presidenta de JxCat, Laura Borràs, asegurou este venres que o seu partido seguirá negociando "fóra de foco" co PSOE cada unha das cuestións susceptibles de acordo, aínda que non renunciará á "vía unilateral".

En declaracións a Telecinco, Borràs celebrou que a lei de amnistía quedase "encarrilada" tras o pacto alcanzado esta semana por PSOE, JxCat e ERC. Segundo Borràs, a amnistía era "o paso previo" pactado durante a negociación para a investidura de Pedro Sánchez, para "tratar de reparar o dano" causado pola "cúpula xudicial española", que "retorceu o Estado de Dereito" na súa "persecución descarnada" contra o independentismo.

Unha vez acordada esta lei de amnistía "integral e de aplicación inmediata" que reclamaba JxCat, agora o "obxectivo político" é, recalcou Borràs, conseguir a independencia de Cataluña "de maneira democrática e pacífica".

A aprobación da amnistía, advertiu, non presupón que JxCat vaia apoiar os próximos orzamentos xerais do Estado, senón que esta e calquera outra cuestión que o PSOE queira poñer encima da mesa deberá ser obxecto de negociación.

"O PSOE ten o coñecemento de cales son as regras de xogo", sinalou, en alusión ao pacto de investidura asinado a finais de 2023, que prevé que en cada momento ambas as partes abordarán as cuestións susceptibles de ser pactadas "sen dar nada por sentado". O acordo de investidura, precisou, "non fala de estabilidade de lexislatura", senón que cada votación abordarase "paso a paso".

Esta vía de negociación aberta, con todo, non significa que JxCat renunciase á unilateralidade que se aplicou en 2017. "Nós non abandonamos ningunha vía, porque o que queremos é conseguir o noso obxectivo. Estamos a facelo pacificamente, por procesos democráticos, buscando ese entendemento. Pero á vía unilateral non podemos renunciar, vendo como actúa o Estado que temos en fronte", afirmou.

Agora, JxCat está "a tratar de chegar a acordos" para conseguir os seus obxectivos, "sempre nun marco pacífico", utilizando a forza de que dispoñen os seus sete deputados no Congreso. Borràs cualificou de "absolutamente indigno" que algúns xuíces pretendan investigar por presunto terrorismo ao expresidente catalán Carles Puigdemont e a outros líderes do procés.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade