O goberno peruano decreta o toque de queda en Puno, epicentro das protestas
O goberno peruano decreta o toque de queda en Puno, epicentro das protestas
As protestas no país ocasionan ata o momento 47 mortos
O Goberno da presidenta Dina Boluarte aprobou declarar un toque de queda nocturno por tres días na rexión de Puno, no sur, epicentro das protestas antigobernamentais que o luns deixaron un resultado de 18 falecidos.
"Aprobamos no Consello de Ministros un decreto supremo que declara a inmobilización social obrigatoria en Puno polo prazo de tres días desde as 20:00 horas ata as 4:00 da mañá. Isto en salvagarda da vida, a integridade e liberdade de todos os cidadáns de Puno", declarou o primeiro ministro Alberto Otárola.
O Goberno acordou declarar día de loito nacional laborable para este mércores en sinal de dó polos 47 mortos durante as protestas do último mes.
O Executivo fixo ademais un chamamento ás autoridades rexionais e aos manifestantes para que permitan o paso das medicinas e persoal sanitario.
O primeiro ministro agregou: "O Executivo responderá con firmeza para conter e anular esta resaca golpista con procedementos establecidos na lexislación vixente", en alusión ao autogolpe errado do exmandatario Pedro Castillo o 7 de decembro pasado.
Otárola acudiu este martes ao pleno do Congreso para pedir o voto de confianza do seu gabinete, un día despois da tráxica xornada de violencia en Puno, epicentro das protestas que esixen a renuncia de Boluarte, o peche do Parlamento, eleccións para 2023 e unha nova constitución, entre outras reclamacións.