Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno aproba novos permisos por coidados de familiares e elimina a conxelación dos alugueiros

O Goberno aproba novos permisos por coidados de familiares e elimina a conxelación dos alugueiros

O decreto de medidas para facer fronte á guerra e inclúe esas medidas de conciliación que contemplaba a Lei de familias que non chegara a aprobarse pola convocatoria electoral

O Executivo elimina a posibilidade de prorrogar 6 meses os contratos de alugueiro coas mesmas condicións

Prorróganse medidas para facer fronte aos efectos da guerra e da suba dos prezos que caducaban o 30 de xuño, como a rebaixa do IVE en produtos de primeira necesidade ou a bonificación do gasóleo profesional

G24.gal 27/06/2023 14:39 Última actualización 27/06/2023 21:26

O Consello de Ministros aprobou este martes ata tres permisos por coidado de familiares e fillos que se incluían na Lei de familias impulsada polo Ministerio de Dereitos Sociais e cuxa tramitación no Congreso decaeu coa convocatoria de eleccións.

Un dos permisos aprobado polo Executivo consiste en cinco días ao ano, retribuídos, para utilizar en caso de accidente ou enfermidade grave, hospitalización ou intervención cirúrxica sen hospitalización que necesite repouso, tanto dun familiar de ata segundo grao como dun convivente.  

O segundo é un permiso "por causa de forza maior", que se distribuirá por horas e poderá alcanzar en total ata 4 días ao ano para cada traballador. Tamén estará retribuído e busca permitir a pais e nais ausentarse do traballo cando haxa motivos familiares urxentes.  

Esta medida permitiría, por exemplo, que o traballador poida collerse unhas horas se o seu fillo "pasou unha mala noite" e "necesita quedar na casa con el" ou se os seus pais "enferman e ten que acompañalos ao médico", segundo explicou a ministra de Dereitos Sociais, Ione Belarra, a través dun vídeo publicado nas súas redes sociais.

Do mesmo xeito, aprobouse un permiso parental de 8 semanas, que poderá gozarse de forma continua ou descontinua, a tempo completo ou parcial, ata que o menor faga 8 anos. Neste caso, segundo apuntou Belarra, o permiso servirá para os "duros procesos de adaptación" dos fillos máis pequenos en setembro na volta ao colexio, ou nos meses de verán no caso de pais que "non teñan onde deixar os seus fillos".

No vídeo publicado nas súas redes, a ministra mostrouse "contenta" por lograr estes "avances" en materia de conciliación, pero recoñeceu que "non é suficiente" para moitas persoas que "senten que non ven crecer os seus fillos", que "non pasan tempo de calidade coa súa parella" ou que "ven os seus pais unas poucas horas á semana".   

Elimínase a prorroga de 6 meses nos contratos de alugueiro

O Goberno eliminou do paquete de medidas para facer fronte ás consecuencias económicas da guerra en Ucraína e a subida de prezos a posibilidade de estender seis meses a vixencia dos contratos de alugueiro cos mesmos termos e condicións establecidos no contrato que tivesen en vigor.

A vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, defendeu que a Lei de vivenda validada polas Cortes Xerais xa prevé que as persoas vulnerables poidan estender nun ano a duración dos contratos, "xustamente para ter protección".

Iso si, a limitación da actualización anual da renda dos contratos de arrendamento de vivenda que impide subidas superiores ao 2 % está xa estendida ata o 31 de decembro de 2023.

De feito, a Lei de vivenda xa establece ese límite do 2 % para este ano na subida do alugueiro e elévao ata o 3 % en 2024 para, antes do 31 de decembro do próximo ano, crear un novo índice de referencia aplicable ao territorio á marxe do IPC.  

Ademais, mantéñense ata final de ano a suspensión do procedemento de desafiuzamento e dos lanzamentos para fogares vulnerables cando non haxa alternativa habitacional.

Prórroga da rebaixa do IVE e da bonificación do gasóleo profesional

O Goberno tamén aprobou, dentro dese decreto, prorrogar algunhas das medidas para facer fronte ás consecuencias económicas da guerra en Ucraína e a subida de prezos que caducan o próximo 30 de xuño, como as rebaixas do IVE dos alimentos e as axudas ao transporte público.

En total, este paquete de medidas mobiliza 3.800 millóns de euros adicionais, aínda que o impacto total calculado polo Executivo, tendo en conta as axudas totais, coas rebaixas de impostos e bonificacións, é de 8.900 millóns de euros na segunda parte do ano.  

Mantense así a supresión durante seis meses do IVE do 4 % que se aplica a todos os alimentos de primeira necesidade, entre eles o pan ou o leite, e a rebaixa do 10 % ao 5 % o do aceite e a pasta.  

Novamente volven quedar fóra destes descontos do IVE o peixe e a carne como viñan pedido estes sectores de produción.

Entre outras axudas que caducan o 30 de xuño e que se prorrogaron este martes atópase tamén a redución do prezo de abonos e títulos multiviaxe de transporte público (o desconto de proximidade de Renfe e media distancia xa se estendeu todo o ano). O Goberno seguirá bonificando cun 30 % o transporte público do resto de administracións sempre que se comprometan a aumentar este desconto ata o 50 %.

Tamén se prorrogan as axudas ao gasóleo para os transportistas profesionais, agricultores e gandeiros, de forma que ata o 30 de setembro a bonificación será de 10 céntimos por litro, mentres que no último trimestre do ano será 5 céntimos por litro.

Axudas á compra de vehículo eléctrico e vivenda

O decreto inclúe outras dúas medidas anunciadas polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para fomentar a compra de vehículos eléctricos e para axudar a mozos menores de 35 anos e familias con menores a cargo á compra da vivenda habitual, cun obxectivo previsto de ao redor de 50.000 vivendas.

Prevense dúas novas deducións no IRPF do 15 % pola compra de vehículos eléctricos e a por instalación de sistemas de recarga de baterías, cun tope de 20.000 euros.

Tamén se pon en marcha unha nova liña de avais de 2.500 millóns de euros do Instituto de Crédito Oficial (ICO) para axudar co 20 % do prezo de compra (25 % en determinadas condicións) aos mozos menores de 35 anos e ás familias con menores con ingresos individuais de ata 37.800 euros anuais.

Como consecuencia da disolución das Cortes Xerais polo adianto electoral, a Deputación permanente, único órgano que permanece en pé, será quen asuma a facultade de validar ou derrogar as medidas que aprobou este martes o Goberno vía decreto lei.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade