O grupo Amper investirá 20 millóns nunha nova nave en Arteixo que creará 200 postos de traballo
O grupo Amper investirá 20 millóns nunha nova nave en Arteixo que creará 200 postos de traballo
O proxecto comezaría a funcionar en 2026
Enrique López, conselleiro delegado do grupo, tamén avanzou que o investimento implicará a creación doutros 600 empregos indirectos a través da cadea de 120 provedores do grupo
O grupo Amper anunciou este martes a construción dunha nova nave en Arteixo (A Coruña) por un investimento de 20 millóns de euros coa previsión de crear 200 empregos directos e de comezar a funcionar en 2026.
O conselleiro de delegado o grupo Amper, Enrique López, fixo este anuncio na sede da Xunta en Santiago de Compostela, acompañado polo conselleiro delegado de EKS Energy, Alberto Prieto, de Hitachi Energy, e en presenza do presidente galego, Alfonso Rueda e a conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana.
López explicou que a recente alianza estratéxica do grupo Amper con Hitachi Energy motivou este investimento para poder facer fronte a un mercado en alza que implicará que a empresa Elinsa, do grupo Amper, poida duplicar na nova nave a súa produción de almacenamento enerxético para baterías, sector no que é "líder".
O directivo do grupo Amper explicou que a nova nave permitiralles fabricar equipamentos por 4 GW, cun valor equivalente a 100 millóns de euros ao ano, que será exportado "aos cinco continentes", onde Hitachi Energy ten os seus clientes.
As novas instalacións terán unha superficie construída de 13.000 metros cadrados nunha parcela de 19.000 metros cadrados que a empresa adquiriu no polígono industrial de Morás (Arteixo), de titularidade autonómica.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, agradeceu aos responsables de Hitachi Energy e Amper a "aposta" por Galicia nun sector dun enorme potencial e que servirá para consolidar á comunidade como un "hub das enerxías renovables".
Ademais, Rueda destacou as posibilidades que ofrece Galicia en eólica mariña, outro dos sectores nos que o grupo Amper desenvolve a súa actividade. O presidente galego tamén ofreceu a posibilidade de coordinarse coa empresa para formar aos futuros empregados que demande a compañía.