Implantan un corazón artificial a un paciente pediátrico por primeira vez en España
Implantan un corazón artificial a un paciente pediátrico por primeira vez en España
A intervención realizóuselle a unha nena de doce anos, que se recupera favorablemente no seu domicilio
O dispositivo cardíaco intracorpóreo era utilizado ata o de agora só en adultos e adolescentes polo seu tamaño
Unha nena de 12 anos ingresaba en situación crítica no hospital público de La Paz, en Madrid. A menor sofre unha disfunción ventricular que impide bombear sangue ao corazón e osíxeno ao cerebro e a outros órganos vitais.
Salvou a vida co implante dun dispositivo cardíaco intracorpóreo, utilizado habitualmente só en adultos e adolescentes polo seu tamaño.
Ata o de agora só se empregaban en pacientes pediátricos dispositivos de longa duración externos como solución temporal ata o momento dunha intervención cirúrxica.
"É a primeira vez que se pon nun neno unha asistencia de longa duración. Isto posibilita, ábrenos dous camiños, que no futuro poida ser subsidiaria a transplante, nese caso quitariámoslle a asistencia se aparecese un corazón, pero como non temos a certeza de que vaia ser unha candidata a transplante, a asistencia permítelle manter unha vida razoablemente independente, e con isto queremos dicir fóra do hospital, no seu domicilio, con algunha visita ao hospital, pero podería seguir vivindo durante bastantes, bastantes anos con esa asistencia", di Ángel Aroca Peinado, xefe do servizo de cirurxía cardíaca infantil do hospital La Paz.
A nena, que se chama Marieta, recupérase favorablemente no seu domicilio despois deste éxito médico que abre a porta a novas intervencións deste tipo.