O IMV e o mercado de traballo, por Maite Cancelo
OPINIÓN
O IMV e o mercado de traballo, por Maite Cancelo
En diversos organismos públicos e privados (Banco de España, FEDEA,..) veuse alertando sobre a eficiencia e eficacia do establecemento do Ingreso Mínimo Vital (IMV) como instrumento para sacar os beneficiarios da chamada “trampa da pobreza” (no sentido de que a solución non resolve o problema, ou o que é o mesmo, que non axuda á reinserción laboral e, por tanto, social, das persoas que tiveron un problema que debería ser puntual e que con estas medidas se retroalimenta o problema que se trata de erradicar), críticas que se foron incrementando á vista dos resultados obtidos, en parte, derivados do seu deseño e implementación.
Este instrumento foi lanzado polo Goberno de España como a gran proposta do chamado escudo social, alternativa á Renda Básica Universal e, mesmo, ás medidas postas en marcha por numerosos gobernos autonómicos para dar solución (parcial e temporal) aos problemas dos cidadáns en risco de exclusión social (en Galicia, a RISGA).
Porque o importante, cando se deseña calquera tipo de prestación, é analizar o obxectivo, a súa duración e se axudan a resolver o problema de base que non é outro que o de tratar de buscar un emprego cun soldo digno a persoas, moitas veces excluídas do sistema, ás que temos que apoiar, non só cun salario senón cunha real inserción na sociedade e no mercado laboral.
E, neste caso, o IMV non axuda á reinserción laboral xa que non penaliza o rexeitamento dunha posible oferta laboral nin se pode compatibilizar cun emprego (salvo algúns mínimos) e, ademais, como xa alertou o Banco de España, todo isto pode levarnos a un aumento da economía mergullada, que, como xa sabemos, é moi difícil de cuantificar e que se converten nun problema estrutural do mercado de traballo español e da sustentabilidade do propio sistema.
Ao mesmo tempo, no Ministerio da Seguridade Social fíxose un chamamento para permitir favorecer a contratación masiva non estacional e sen cotas de estranxeiros dada a falta de man de obra en determinados sectores (construción, industria e transporte) para persoas que necesitan unha formación previa, ao ser postos de traballo que requiren dunha cualificación específica e que non se están cubrindo con españois, e iso nun país en que a taxa de desemprego supera o 30 % entre os máis novos.
O que non se entende é, precisamente, esa cuestión. Se hai falta de traballadores cualificados en varios sectores da economía española, por que non se realiza unha gran campaña de cualificación especializada de mozas e mozos ou de persoas menos novas xa residentes en España para tratar de cubrir eses postos? Gañariamos en menores custos de prestacións por desemprego e polo ingreso mínimo vital e gañariamos no número de persoas que coticen á Seguridade Social, o que, ademais, sería de axuda para recuperar esa hucha das pensións tan deteriorada.
E, con relación ás persoas de maior dificultade para acceder ao mercado de traballo, xa sexa porque teñan algún grao de discapacidade ou por estar en situación de exclusión social, temos fórmulas empresariais que están a axudar a esa inserción laboral: os Centros Especiais de Emprego da Economía Social e as Empresa de Inserción Laboral. Aquí é onde debemos centrar o foco das nosas políticas públicas, xa que os euros que invistamos nelas axudarán a esa necesaria inserción tanto laboral como social e con retorno á nosa economía e para as propias persoas que se sentirían de utilidade dentro da nosa sociedade.