Publicador de contidos
Publicador de contidos

O incendio de Tenerife arrasou xa máis de 1.600 hectáreas

O incendio de Tenerife arrasou xa máis de 1.600 hectáreas

Polo menos 150 persoas foron desaloxadas por prevención

As lapas afectan seis concellos

G24.gal 16/08/2023 11:35 Última actualización 17/08/2023 07:25

Continúa a esta hora a loita contra o lume que se declaraba na noite do martes nos montes de Arafo. Os últimos datos situaban en máis de 1.600 as hectáreas calcinadas por un incendio que ten un perímetro de 22 quilómetros.

Afecta xa a seis concellos e en tres -Arafo, Candelaria e El Rosario- ordenáronse evacuacións preventivas, con polo menos 150 persoas desaloxadas.

Segue fóra de control

Está lonxe de ser controlado, como explicaba o presidente canario. Fernando Clavijo recoñecía que o escenario non era "precisamente moi positivo", porque non foron quen de conter ningún dos flancos, pero dicía que o avance das lapas era lento.

Os técnicos destacan a dificultade dos traballos, cunhas condicións meteorolóxicas adversas e cunha orografía complicada, con fondos de barrancos inaccesibles e zonas nas que é imposible intervir.

De madrugada, máis de 200 efectivos terrestres combateron as lapas, centrados en tratar de impedir que se achegasen ás casas. Está previsto que hoxe se sumen ás tarefas de extinción dúas aeronaves, co que serán polo menos dezasete as mobilizadas.

O presidente canario detallou que o lume se iniciou con varios focos, aínda que pediu prudencia sobre as causas que o orixinaron e que serán investigadas pola Garda Civil.

Clavijo apuntou que falou co Goberno central e non se descarta incorporar máis medios aéreos debido á dificultade no combate por terra do lume.

Rosa Dávila, presidenta do Cabildo de Tenerife, pediu que non se acceda ao monte desde ningún punto da illa.

Canarias solicita ao Goberno central 3 hidroavións 

O Goberno das Canarias solicitou ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a mobilización de tres hidroavións para combater o incendio.

A petición efectuouna o conselleiro canario de Política Territorial, Cohesión Territorial e Augas, Manuel Miranda, que como responsable de Emerxencias fíxose cargo da dirección do Plan Especial de Protección Civil e Atención de Emerxencias por Incendios Forestais na Comunidade Autónoma de Canarias (Infoca).

Aos labores para tratar de sufocar o incendio sumáronse ademais dous novos helicópteros do Grupo de Emerxencias e Salvamento do Goberno das Canarias.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade