O incendio que afecta en parte o parque do Xurés arrasou xa 100 hectáreas
O incendio que afecta en parte o parque do Xurés arrasou xa 100 hectáreas
O lume afectou unha reserva integral, de alto valor ecolóxico e de acceso restrinxido
O incendio forestal activo rexistrado onte luns no municipio ourensán de Muíños afecta xa 100 hectáreas calcinadas, parte delas dentro do parque natural do Xurés.
Segundo o último parte publicado pola Consellería do Medio Rural, o lume, que continúa activo, orixinouse sobre as 18:00 horas en Portugal, en dous focos diferentes, e na parte galega afecta á parroquia de Prado de Limia, en Muíños.
No seu control participan sete axentes, dous técnicos, dez brigadas, sete motobombas, un helicóptero e dous técnicos.
Fontes dos servizos de extinción aseguraron que o lume, que onte tiña máis dun quilómetro de fronte, afectou a unha reserva integral, de alto valor ecolóxico e de acceso restrinxido.
Trátase do segundo incendio en poucos días na área do parque natural do Xurés, xa que hai escasos días houbo outro lume na zona de Calvos de Randín, tamén procedente de Portugal, ao que se suma agora o de Muíños.