O investigado por matar a exmuller en Baiona di que apenas lembra nada
O investigado por matar a exmuller en Baiona di que apenas lembra nada
Este venres volverá comparecer nos xulgados de Vigo para escoitar os cargos de que o acusan
O investigado como suposto autor da morte da súa exmuller en Baiona volverá este venres aos xulgados de Vigo para escoitar as imputacións que pesan sobre el.
Trátase dunha vista sinalada para primeira hora da mañá, na que o investigado ten que estar presente e na que todas as partes implicadas na causa poden pedir dilixencias.
Tras máis dunha semana de silencio, o home comunicouse finalmente coa súa familia e co seu letrado.
Con todo, o propio avogado, Saúl Vidal, recoñeceu que apenas ten "marxe" para manobrar, debido a que o seu defendido foi moi conciso e "di que apenas lembra nada".
Un crime cometido diante dos dous fillos da parella
O investigado, profesor nun instituto de Redondela, entregouse o pasado 6 de febreiro, horas despois de matar supostamente a súa exparella Beatriz Lijó.
O crime ocorreu na casa dela, en Baiona.
O home chegou o domingo a última hora á vivenda da vítima cos dous fillos menores de ambos, que presenciaron os feitos.
Tras matar supostamente a exmuller, levou os nenos á casa dun familiar e foise a Ourense, onde se entregou horas despois.
A autopsia practicada á vítima revelou numerosas feridas punzantes e cortes por todo o corpo e tamén un gran golpe na cabeza.
A investigación revela que se usaron polo menos dúas armas: un coitelo de pequenas dimensións e outro obxecto máis contundente, que non foi localizado.
O investigado garda silencio
Tras a súa detención, Anxo R. D. negouse a declarar e nin sequera falou coa súa familia ou co avogado.
De feito, a súa primeira comparecencia perante o xulgado de Vigo acabou cun traslado ao hospital Álvaro Cunqueiro para unha avaliación psiquiátrica.
Horas despois recibía a alta, con informes médicos que descartaron que se atopase en estado catatónico e que sinalaban que tiña capacidade procesual.
Con todo, e de novo no xulgado, volveu negarse a falar e nin sequera aceptou a oferta de declarar por escrito.
A xuíza acabou ordenando o seu ingreso na prisión da Lama como presunto autor dun homicidio ou asasinato.