O IPC modérase ao 7,3 % en outubro pola baixada da electricidade e o gas
O IPC modérase ao 7,3 % en outubro pola baixada da electricidade e o gas
A taxa de inflación subxacente, sen alimentos elaborados nin produtos enerxéticos, mantense no 6,2 %.
A inflación moderouse en outubro 1,6 puntos en taxa anual ata o 7,3 % debido á baixada dos prezos da electricidade e do gas, de acordo co indicador adiantado do índice de prezos de consumo (IPC).
Esta taxa de inflación de outubro é a máis baixa desde xaneiro, cando o IPC estivo no 6,1 %, e supón o terceiro descenso consecutivo tras o pico do 10,8 % alcanzado en xullo, segundo avanzou este venres o Instituto Nacional de Estatística (INE).
O INE sinala que esta evolución do IPC, tras o 8,9 % rexistrado en setembro, se debe especialmente á baixada dos prezos da electricidade, que subiran en outubro de 2021.
Tamén inflúe, aínda que en menor medida, o descenso do gas, fronte á subida do ano anterior, e o aumento dos prezos pola entrada da nova tempada do vestido e calzado, máis moderado que en 2021, avanza o INE.
Fronte a esta moderación da taxa xeral dos prezos, a taxa de inflación subxacente, sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos, mantense no 6,2 %. A subxacente mantense así en niveis moi elevados, preto do pico do 6,4 % marcado en agosto, e estreita a distancia coa taxa xeral a só 1,1 puntos.