Publicador de contidos
Publicador de contidos

O IPCC e os custos da emerxencia climática, por María Loureiro

O IPCC e os custos da emerxencia climática, por María Loureiro

Confirma inequivocamente que o ser humano está a aumentar as emisións de gases de efecto invernadoiro ata niveis sen precedentes

As predicións indican que cara ao 2050 a temperatura de Madrid será moi parecida á de Marrakex hoxe en día

G24.gal 22/03/2023 08:12

O IPCC é o organismo oficial mundial de avaliación do cambio climático. O Grupo acaba de publicar o seu Informe de síntese, como conclusión de seis informes anteriores, redactados por centos de expertos. As mensaxes que manda neste resumo soan coma un ultimato, tales coma “a ventá de posibles accións está pechando”.  

O informe de síntese confirma inequivocamente que o ser humano está a aumentar as emisións de gases de efecto invernadoiro ata niveis sen precedentes. E que o aumento segue a pesar da crise da COVID-19.

As temperaturas mundo están agora 1,1 ℃ por encima dos niveis preindustriais. É probable que alcancen 1,5 ℃ por encima dos niveis preindustriais a principios da década de 2030. E que para 2050, de seguir o ritmo actual, cheguen a 3,2 graos.

Que mensaxe mandan?

Todas estas mensaxes fannos reflexionar sobre o titular: A acción rápida fará posible a supervivencia nun planeta habitable.

Para manter o quecemento dentro dos 2 ℃ por encima dos niveis preindustriais, as emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro deben diminuír ao redor dun 21 % de aquí a 2030 e ao redor dun 35 % de aquí a 2035. Manter o quecemento por baixo de 1,5 ℃ require unha redución aínda maior das emisións. Trátase dun obxectivo moi ambicioso á luz das traxectorias das emisións ata a data. As emisións mundiais anuais en 2019 foron un 12 % superiores ás de 2010 e uns 54 % superiores ás de 1990.

Actuar rapidamente contra o cambio climático é o máis sensato desde o punto de vista económico, pois os custos evitados son moi significativos. Temos que lembrar que as previsións indican que para o ano 2050 ao redor da metade da superficie de España sufrirá un estrés hídrico moi significativo que afectará os cultivos, a biodiversidade e o ser humano.

Se non freamos as emisións, no futuro será máis difícil e caro adaptarse aos danos que provoca. Para frear emisións parece obvio que temos que primeiro reducir o consumo, especialmente o de tipo superfluo, mellorar a eficiencia enerxética e instalacións industriais e empurrar as enerxías renovables

Cada incremento do quecemento intensificará os perigos relacionados co clima, como inundacións, secas, ondas de calor, incendios e ciclóns. A miúdo, produciranse dous ou máis perigos ao mesmo tempo. Ata o de agora, a maioría das respostas foron fragmentarias, graduais e limitadas a un sector específico da economía, pero agora necesitamos políticas e medidas moito máis ambiciosas. 

Este proceso será sen dúbida custoso dende a perspectiva económica, pero o que está claro é que canto máis axiña comencemos en serio, máis barato e eficaz será.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade