O límite ao prezo do gas rebaixará a factura da luz máis do 15 %
O límite ao prezo do gas rebaixará a factura da luz máis do 15 %
Comezará a aplicarse este martes no mercado eléctrico
O vindeiro martes, día 14, celébrase no mercado grosista ibérico da electricidade a primeira poxa co prezo do gas limitado, unha intervención secundada por Bruxelas, que busca rebaixar entre un 15 e un 20 % a factura da luz para máis de dez millóns de usuarios en España.
O prezo de referencia do gas durante os seis primeiros meses de aplicación do mecanismo, que tamén terá Portugal e estará vixente ata o 31 de maio de 2023, será de 40 euros o megawatt hora (MWh).
A partir de entón, irá incrementándose en cinco euros ao mes, para terminar en 70 euros o MWh, co obxectivo de que cando se achegue o final da súa aplicación estea próximo a converxer coa normalidade.
Os produtores de electricidade con ciclos combinados serán compensados pola diferenza entre o prezo do gas natural no Mercado Ibérico do Gas (Mibgas) e o límite establecido polo Goberno.
A rebaixa do prezo da luz dependerá do prezo do gas en Mibgas, aínda que o Ministerio para a Transición Ecolóxica agarda que o valor medio grosista nos doce meses de aplicación do mecanismo quede en menos de 130 euros o MWh, fronte aos 213 que habería sen el.