O lume arrasa unha vivenda na Pobra do Brollón
O lume arrasa unha vivenda na Pobra do Brollón
Un curtocircuíto semella ser a causa do incendio
Non houbo danos persoais, pero os materiais son moi elevados
Un curtocircuíto nun enchufe semella ser a causa do incendio que arrasou o tellado, a cociña e boa parte dos cuartos desta vivenda do lugar de Eixón, no concello lugués da Pobra do Brollón. O lume comezou contra as tres da tarde e os donos da casa só puideron fuxir das lapas e dar aviso aos veciños, que foron os primeiros en actuar para deter o lume.
Ata o lugar desprazáronse equipos de bombeiros de Monforte e Chantada que puideron impedir que o lume chegara ás casas lindeiras, nas que xa comezaba a entrar o fume. Nin sequera a chuvia puido acabar cun lume, que se viu favorecido porque unha parte era de madeira. Os tres ocupantes da casa, un matrimonio de anciáns e o seu fillo, resultaron ilesos pero perderon boa parte das súas pertenzas.
Os veciños din que se o lume se producise de noite, poderíase ter vivido unha auténtica traxedia.