O lume en agosto queima en Portugal máis da metade da superficie de todo o ano
O lume en agosto queima en Portugal máis da metade da superficie de todo o ano
O lume máis preocupante calcinou máis de 7.000 hectáreas, sobre todo de piñeiro
O lume segue avanzando en Portugal, onde a área que ardeu este mes de agosto xa supón máis da metade do total do ano, coa preocupación centrada nun incendio que desde o sábado calcinou máis de 7.000 hectáreas en Odemira.
O país vive a peor vaga de incendios deste verán e, aínda que algúns dos lumes máis preocupantes dos últimos días xa foron controlados, as chamas continúan activas en Odemira, a uns 230 quilómetros ao sur de Lisboa, onde non dan tregua desde o sábado.
É o lume que suscita "maior preocupación"consumiu máis de 7.000 hectáreas, sobre todo piñeiro e poboacións mixtas como eucalipto, sobreira, érbedo e matogueira.
O terreo está a complicar os labores de extinción do lume, con dúas frontes activas, e as autoridades traballan para evitar que se propague cara á Serra de Monchique.
Case 1.500 persoas foron evacuadas de forma preventiva, dunhas 20 aldeas e un cámping, aínda que gran parte xa empezou a volver aos seus fogares.
En Odemira hai despregados case 1.000 bombeiros, apoiados por máis de 300 vehículos terrestres e once medios aéreos.
Máis de 25.000 hectáreas queimadas este ano
As 7.000 hectáreas arrasadas en Odemira son só unha parte das 25.279 que arderon no que vai de ano, segundo os datos divulgados hoxe polo Instituto de Conservación da Natureza e os Bosques (ICNF polas súas siglas en portugués).
Máis do 50 % dese total arderon en agosto, mes durante o que se rexistraron varios incendios de gravidade.