O papa beatifica a monxa española Ana de Jesús, fiel compañeira de Santa Teresa
O papa beatifica a monxa española Ana de Jesús, fiel compañeira de Santa Teresa
A monxa da Orde das Carmelitas Descalzas foi a encargada de recompilar as obras da santa de Ávila
O papa Francisco beatificou este domingo nunha misa no estadio rei Balduíno de Bruxelas a Ana de Jesús, monxa española da Orde das Carmelitas Descalzas que morreu nesta cidade o 4 de marzo de 1621.
Discípula de Santa Teresa de Jesús, encargouse de recompilar todas as súas obras.
"Nesta próspera terra puido florecer tamén o testemuño da monxa carmelita Ana de Jesús, de quen hoxe celebramos a beatificación. Esta muller estivo entre as protagonistas, na Igrexa do seu tempo, dun gran movemento de reforma, tras as pegadas dunha xigante do espírito, Teresa de Jesús, da que difundiu os ideais en España, en Francia e tamén aquí, en Bruxelas, e naqueles que entón se chamaban os Países Baixos Españois", lembrou o pontífice.
Explicou que "nun tempo marcado por escándalos dolorosos, dentro e fóra da comunidade cristiá, ela e as súas compañeiras, coa súa vida sinxela e pobre, feita de oración, de traballo e de caridade, souberon traer de novo á fe a tantas persoas, ata o punto de que algún definiu a súa fundación nesta cidade como un imán espiritual".
"Por elección, non deixou escritos. Comprometeuse máis ben en poñer en práctica o que ela á súa vez aprendera e co seu modo de vivir contribuíu a realzar a Igrexa nun momento de gran dificultade. Acollamos, por tanto, con gratitude o modelo de santidade feminina que nos deixou", dixo.
Primeiro milagre
Co nome de Ana de Lobera e Torres naceu en Medina del Campo o 25 de novembro de 1545. Mentres o seu cadáver aínda estaba exposto, aseguran que se produciu o seu primeiro milagre cando unha carmelita incapaz de camiñar bicou o corpo e curou.
Segundo a biografía que recolle a Real Academia de Historia de España, entrou no convento da Orde das Carmelitas Descalzas en Ávila onde se atopaba santa Teresa, que a levou a Salamanca. De camiño, cando pararon no convento de Mancera, coñeceu outra persoa que foi clave na súa vida: san Juan de la Cruz.
Ana de Jesús ocupouse da fundación do Carmelo de Granada en xaneiro de 1582 e dous meses despois, san Juan de la Cruz foi elixido prior dos frades desta cidade e colaboraron estreitamente nas súas respectivas comunidades.
A monxa animoulle a concluír o Cántico Espiritual, que finalizou no 1584 como se le nun dos apuntamentos, e tamén llo dedicou. Logo en Salamanca conviviu estreitamente con santa Teresa e estableceuse un forte vínculo entre elas que durou ata a fin dos seus días.
Recompilación das obras de santa Teresa
En recoñecemento á súa valía, os superiores encargáronlle recompilar os libros de santa Teresa, dispersos na Inquisición e en mans particulares, para entregarllos a frei Luis de León, que se encargou da súa publicación.
Para que un venerable sexa beatificado, a Igrexa considera necesario que se produza un milagre debido á súa intercesión, e para que sexa canonizado -feito santo- precísase un segundo milagre obrado "por intercesión" despois de ser proclamado beato.