Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Parlamento Europeo aproba a reforma do mercado eléctrico

O Parlamento Europeo aproba a reforma do mercado eléctrico

Con esta reforma busca lanzar prezos accesibles e estables, protexer os consumidores e impulsar as renovables

G24.gal 11/04/2024 20:15

O pleno do Parlamento Europeo aprobou este xoves a reforma do mercado da electricidade da Unión Europea (UE), exposta durante a recente crise de prezos da enerxía, un axuste que busca lanzar prezos accesibles e estables, protexer os consumidores e impulsar a despregadura de renovables.

A reforma, composta por un regulamento e unha directiva, obtivo un amplo apoio: 433 votos a favor, 140 en contra e 15 abstencións o regulamento, e 473 votos a favor, 80 en contra e 27 abstencións a directiva. Será oficial cando o Consello da UE adopte tamén o novo deseño do mercado con que o bloque comunitario tamén pretende afastarse dos hidrocarburos de Rusia.

"É a hora da electrificación da demanda enerxética", dixo no debate previo ao voto o negociador xefe por parte da Eurocámara Nicolás González Casares (PSOE), quen se referiu ao axuste como "unha reforma de presente e de futuro" para avanzar cara á descarbonización.

O socialista español destacou ademais que a reforma achegará "máis protección para os consumidores e novos dereitos", xa que prohibirá as desconexións dos usuarios vulnerables.

Tamén recolle o dereito a que os cidadáns que xeren enerxía verde poidan compartila e achega flexibilidades para impulsar o almacenamento eléctrico ou regular os mecanismos de capacidade para apoiar as renovables, lexislación derivada pendente aínda de definirse.

A reforma non intervén no mercado marxinalista para desacoplar os prezos do gas da electricidade, pero si encarga á Comisión Europea que, antes de xuño de 2026, elabore unha avaliación dos mercados enerxéticos a curto prazo.

O texto pactado recolle varias medidas para reforzar a protección aos consumidores e establece uns criterios que permitan que o Consello declare unha emerxencia enerxética.

Os Estados deberían entón adoptar medidas para rebaixar os prezos para os clientes vulnerables e desfavorecidos, con disposicións para evitar "distorsións indebidas do mercado interior".

Enfrontamento entre Francia e Alemaña

O maior contratempo na tramitación apareceu no enfrontamento entre París e Berlín a propósito dos contratos por diferenza e a súa aplicación sobre as centrais nucleares en funcionamento.

Estes contratos permiten que o Estado acorde un prezo estable pola compravenda de electricidade nun prazo fixo cun xerador e despois se devolva a diferenza automaticamente en función de se o prezo final foi máis alto ou máis baixo do pactado.

Francia, cun amplo parque nuclear, quería aplicar ese esquema ás plantas atómicas en uso e practicamente amortizadas, pero Alemaña temía que isto puidese funcionar como unha axuda de Estado encuberta á industria gala, que podería obter electricidade máis barata que a xermana.

Os ministros de Enerxía dos Estados membros pactaron finalmente un enfoque común en outubro, baixo a presidencia española do Consello da UE, de forma que os contratos por diferenza se poidan aplicar a todas as novas instalacións de xeración, as que amplíen a súa capacidade e estendan a súa vida útil, independentemente de se se refire a plantas nucleares ou outras tecnoloxías.

Con todo, segundo o acordo entre as capitais previo á negociación final, eses contratos non se aplicarían de forma automática ás plantas existentes, senón que terán que obter o visto e prace da Comisión Europea.

A negociación da reforma, a primeira de calado no mercado eléctrico en dúas décadas, tardou só un ano desde que a Comisión presentou a súa proposta, en gran medida pola convulsa situación creada desde que o presidente ruso Vladimir Putin empezou a utilizar "a enerxía como unha arma de guerra" pouco antes de lanzar a invasión sobre Ucraína a grande escala.

Hidróxeno

O Parlamento Europeo tamén aprobou o deseño regulador do futuro mercado de gases renovables como o biometano ou baixos en carbono como o hidróxeno, cruciais para descarbonizar a industria pesada e o transporte marítimo e aéreo.

Entre outros puntos, creará unha nova entidade para os operadores de redes de hidróxeno, un sistema para aplicar tarifas de rede e unha metodoloxía para a certificación de gases baixos en CO₂, ademais de facilitar que os usuarios poidan cambiar de provedor con facilidade.

"Por fin demos luz verde ao hidróxeno verde e luz vermella á importación de gas ruso", resumiu o popular polaco e relator de texto Jerzy Buzek.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade