O paso da borrasca Domingos deixa máis dun milleiro de incidencias
O paso da borrasca Domingos deixa máis dun milleiro de incidencias
A caída de árbores á estrada foi un dos problemas principais
Pontevedra foi a provincia máis afectada, seguida da da Coruña
A enchente dos ríos provocou asolagamentos en varios puntos
Galicia rexistrou un total de 1.166 incidencias tras o paso da borrasca Domingos dende as seis da tarde do venres ata as seis da mañá do domingo. Segundo informa o 112, nas últimas doce horas producíronse 360.
A maioría dos problemas estiveron relacionados coa caída de árbores ou pólas nas estradas (659), 140 con tarefas de prevención de riscos e 107 co derrubamento de postes ou cables nas vías de circulación. Tamén houbo corrementos de terra e inundacións.
A provincia de Pontevedra sumou máis de 400 incidencias (438), a da Coruña 358, a de Lugo 228 e a de Ourense 141. Os concellos máis afectados foron Vigo (47), Narón (32), Lalín (30), Pontevedra (25) e A Estrada (23).
Incidencias salientables
Nas últimas doce horas, os incidentes máis salientables tiveron que ver coa caída de árbores nas estradas. De feito, rexistráronse accidentes de circulación por este motivo en Ramirás, na parroquia compostelá de Aríns e en Celanova.
En Rubiáns, Vilagarcía de Arousa, caeu unha árbore de grandes dimensións sobre un turismo estacionado no que había xente dentro. Por fortuna, non houbo que lamentar danos persoais.
Ademais, caeron fragmentos de fachadas ou tellados en varias localidades e as enchentes provocaron importantes asolagamentos en Caldas de Reis, Salceda de Caselas, Ponte Caldelas, Pontevedra, Ponteareas, Arbo ou Padrón.
Cortes de luz
Do mesmo xeito, os fortes ventos e a choiva deixaron ás escuras zonas de Ferrol, Marín, Narón, Pontevedra, Folgoso do Courel, Cuntis, Vigo ou O Pino. Neste último concello, un particular alertou da caída dun raio nunha torre de alta tensión, deixando sen luz a área da Ponte Carreira.
En Mos, rexistrouse outro aviso pola caída dun raio, esta vez nun cadro de electricidade que ardeu sen causar danos maiores.
Desaloxos en Ponteareas
Joaquim regresa á súa casa sen saber aínda que danos provocou a enchente do Tea na súa vivenda. El e mais a súa familia tiveron que abandonar a zona, xa que a auga superou o metro e medio de altura e arrasou con todo ao seu paso.
María, leva quince anos vivindo esta situación. Ela decidiu quedar na casa. Pasou un día incomunicada. Hoxe por fin sae ao xardín para limpar e avaliar os danos.
Aseguran que levan tempo denunciando esta situación sen que ninguén lles axude porque cren que hai solución ao problema.
Volven ás súas casas sen deixar de mirar para o ceo. O que antes acontecía cada oito anos, agora é unha constante. Temen os efectos da auga e iso que aínda non chegou a época forte de chuvias.
Asolagamentos ás beiras do Miño
Camiñar hoxe polas beiras do Miño en Ourense é unha tarefa certamente complicada. O encoro de Velle verte dende onte máis de mil metros cúbicos por segundo
A auga o seu paso pola cidade deixa por baixo zonas de paseo e instalacións que apenas poden intuírse e o nivel do Miño segue subindo e a chuvia que non para.
Malia estar preto o Miño non entrou polo de agora en Ourense no nivel de prealerta, pero a forza da auga chamaba hoxe a atención de moitos condutores e camiñantes.
Despois doutra xornada pasada por auga das que xa perderon a conta non son poucos os que miran o ceo pedindo unha tregua.
Só na última semana o nivel do Miño en Ourense aumentou en dous metros, cómpre pois extremar a precaución, non achegarse a auga máis da conta e respectar as zonas de paso restrinxido.