Publicador de contidos
Publicador de contidos

O peche da gasolineira deixa sen servizo os veciños de Sarreaus

O peche da gasolineira deixa sen servizo os veciños de Sarreaus

G24.gal 06/04/2022 14:20

Hoxe é día de feira en Sarreaus, onde se dan cita os veciños do concello e os das aldeas limítrofes. Entre os moitos comentarios está o do recente peche da gasolineira, a única do municipio.

Agora, para botar combustible, teñen que desprazarse uns quince quilómetros ata Trasmiras ou Xinzo de Limia.

"Cada día imos a peor. Tiñamos a gasolineira e con isto da bonificación de vinte céntimos que ten que adiantar non lle sería viable, así que pechou. E hai moito tractor agrícola que agora ten que desprazarse a Trasmiras ou ir buscar o gasóleo para poder andar cos seus tractores", apunta un veciño de Sarreaus mentres espera a súa quenda para entrar no banco.

Os veciños din que a gasolineira é un problema, pero non só. De feito, ao igual que en moitos outros concellos do rural levan tempo vendo como desaparecen ou minguan servizos que precisan para o seu día a día: aquí xa non hai supermercado, pecharon un dos bares e os horarios dos transportes e os bancos non son de abondo din para o que eles precisan.

"Vai pouquiño a pouco, hoxe pecha o supermercado, despois un bar, agora a gasolineira. E claro a farmacia témola aí, pero se vai a xente a menos...", di outra veciña.

Confían en que o peche da gasolineira, tal e como dixo a súa propietaria, sexa só temporal. Din que non poden permitir seguir perdendo servizos só por vivir no rural. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade