O persoal de enfermería xa pode prescribir ibuprofeno e paracetamol para tratar a febre
O persoal de enfermería xa pode prescribir ibuprofeno e paracetamol para tratar a febre
"Trátase dunha das reivindicacións históricas deste colectivo profesional", explica Florentino Pérez, presidente do Consello Xeral de Enfermería (CXE).
As enfermeiras e os enfermeiros poderán receitar a partir de hoxe ibuprofeno e paracetamol para o tratamento da febre como síntoma, segundo a resolución do Ministerio de Sanidade que publica o BOE.
A febre é un dos síntomas máis comunmente abordados no ámbito sanitario, sendo o principal motivo de consulta nas urxencias de pediatría, e o segundo en Atención Primaria.
Coa aprobación desta 'Guía para a indicación, uso e autorización de dispensación de medicamentos suxeitos a prescrición médica por parte do persoal de enfermería: febre', xa son sete guías -diabetes, hipertensión, feridas, queimaduras, ostomías e anticoagulación- as que recibiron luz verde de Sanidade no último ano e medio.
Deste xeito, "as guías o que permiten é axilizar a atención, desconxestionar o sistema e incrementar a seguridade xurídica das enfermeiras”, explica Florentino Pérez, presidente do Consello Xeral de Enfermería (CXE).
Segundo explica Pérez, a medida "en ningún caso implica excluír" a intervención do doutor cando sexa preciso. Ademais, recalca que as enfermeiras e enfermeiros "non queren ser médicos, nin se cuestionan as competencias en materia de prescrición destes profesionais".
A nova chega a piques de que se produza o pico da gripe en Galicia.