O Pescados Rubén Burela busca a súa quinta Copa da Raíña consecutiva
O Pescados Rubén Burela busca a súa quinta Copa da Raíña consecutiva
As Guerreiras Laranxas comezarán a fase final de Boadilla enfrontándose mañá ao Móstoles
O Burela ten ante si desde o venres ata o domingo un dos grandes retos da tempada. As Guerreiras viaxan a terras madrileñas para afrontar en Boadilla unha das súas competicións favoritas, a Copa da Raíña, buscando o seu quinto título consecutivo nun torneo que parece que xogan no xardín da súa casa desde o ano 2019.
Naquela ocasión alzouse co título impoñéndose na quenda de penaltis ao Futsi Atlético no pavillón Vista Alegre burelense, unha historia que se repetiu na última edición, en Ourense, cos mesmos protagonistas e o mesmo desenlace. Entre medias, o conxunto burelense impúxose en Málaga, no 2020 ao Poio, (1-0) e no 2021 ao Torreblanca Melilla, (3-1), en Las Rozas.
Julio Delgado, adestrador do Burela FS: "O equipo ten experiencia neste tipo de competición e podemos ter unha vantaxe"
As Guerreiras enfrontaranse a partir das 13.15 horas do venres nos cuartos de final por segunda vez en menos dunha semana ao Móstoles, ao que xa bateron o pasado sábado na Liga por 6-9 nun dos partidos máis raros da historia do equipo burelense, que comezou perdendo por 6-0 e foi capaz de anotar 8 goles en menos de 10 minutos da segunda metade. En caso de saír airoso do envite ante as mostoleñas, o conxunto mariñán enfrontarase co vencedor do duelo entre o Alcorcón e o Teldeportivo, con claro favoritismo para o conxunto madrileño.
No outro lado do cadro, enfrontaranse no partido estelar dos cuartos de final o Futsi Atlético, o outro gran favorito xunto ao Burela, e o Melilla, cruzándose en semifinais o que gañe este encontro co que saia vitorioso do Roldán-Marín.