O plan Retorna Emprego, por Venancio Salcines
O plan Retorna Emprego, por Venancio Salcines
Un posto de traballo indefinido, a pasaxe de avión e diñeiro de peto para os primeiros meses
Vinte mil galegos, os que tiñan que nacer o ano pasado e non naceron. Vinte mil galegos de crecemento vexetativo negativo. A crise demográfica leva tempo sendo unha realidade no norte de España, e en Galicia tamén. Pero é algo máis, é un problema que bate en todo o tecido, tanto no social como no económico. Afecta a demanda de bens e servizos, menos xente a mercar; e golpea na produción, menos talento na economía galega.
Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral de emigración, ten percorrido miles e miles de quilómetros explicando dúas cousas: as bondades de Galicia e a Estratexia Retorna, o proxecto impulsado polo presidente Rueda, que está chamando tanta atención do resto das autonomías. E o certo é que debe estar a facelo ben porque xa son preto de trinta mil galegos os que volveron, nos últimos anos, á súa casa ou á dos seus ancestros. O que podo asegurar, porque estaba alí e o vin, na Arxentina, Uruguai, Suiza ou Alemaña, é que é querido, moi querido polos nosos.
Esta estratexia encara unha nova fase de tres anos en que amplía os acertos acadados e algo mais, suma os esforzos do equipo da Consellería de Emprego liderada por María Jesús Lorenzana. Un posto de traballo indefinido, a pasaxe de avión e diñeiro de peto para os primeiros meses é una oferta que está a impactar, especialmente na Arxentina, Uruguai e Venezuela. Centos dos nosos están a apuntarse nas webs ofertadas polo programa. Esta mesma semana, representantes das fundacións que están a colaborar coa Xunta estiveron en Córdoba, Rosario, Mar de Plata, Bos Aires e alí onde foron as salas estaban cheas, e en moitos casos con representantes de outras autonomías, interesadas en coñecer mellor o programa.
E un pregúntase, que tipo de profesionais queren volver? Ata o momento, profesionais con experiencia, persoas altamente formadas, con graos universitarios e formación complementaria de posgrao. Persoas que con toda seguridade tenderán a unha integración máis que sinxela no noso tecido social e que pola súa idade é previsible que cheguen coas súas familias. Collerán Galicia como o seu novo fogar, ese que xa tiveron os seus e que no seu día perderon. É evidente que Galicia coa chegada dos participantes no programa Retorna só pode gañar.