O PP cuestiona o apoio da UE á reforma das pensións e xustifica votar en contra
O PP cuestiona o apoio da UE á reforma das pensións e xustifica votar en contra
Miguel Tellado desconfía do texto que o Goberno levou a Bruxelas e di que hai "ocultación de información"
O vicesecretario de organización do PP, Miguel Tellado, critica o proxecto de reforma das pensións que se vota hoxe no Congreso e que conta co aval dos sindicatos e da Comisión Europea.
Nunha entrevista no Galicia por diante, Tellado insistiu en que se opoñen porque a reforma non garante a sostibilidade do sistema e cuestionou o apoio de Bruxelas a ese texto.
"Aquí houbo unha clara ocultación de datos e de información. Non sabemos exactamente que é o que o Goberno mandou a Bruxelas... ".
Tellado falou tamén das previsións do seu partido de cara aos comicios municipais e autonómicos de maio, nos que agardan mellorar o resultado nas comunidades autónomas en que xa gobernan. "E nas demais temos posibilidades de goberno en case todas elas".
De cara ás eleccións xerais previstas para finais de ano, o vicesecretario de organización do PP di que aspiran a gobernar sen precisar o apoio de Vox. Neste sentido, referiuse á ruptura coa formación de ultradereita na Comunidade de Madrid, da que responsabiliza o partido de Santiago Abascal.
"Vox estaba votando coa esquerda en vez de apoiar o PP. Vox ten que decidir se quere colaborar cos gobernos do Partido Popular ou se en realidade ten unha estratexia conxunta co PSOE para debilitar o PP".