Publicador de contidos
Publicador de contidos

O presidente colombiano agarda conseguir a paz para o país en 2025

O presidente colombiano agarda conseguir a paz para o país en 2025

Os guerrilleiros do ELN e o Goberno asinan na Habana un cesamento do fogo bilateral

G24.gal 09/06/2023 20:35 Última actualización 09/06/2023 20:43

O presidente colombiano, Gustavo Petro, asegurou este venres, durante o peche da terceira rolda de conversacións entre o ELN e o Goberno, que a paz entre ambas as partes se podería lograr en  2025.

"En maio de 2025 cesa definitivamente a guerra de décadas entre ELN e o Estado", alegou o presidente.

Petro presidiu o peche deste ciclo de negociacións de 35 días na Habana. Alí  as partes asinaron un cesamento do fogo bilateral de carácter nacional que se irá implementando progresivamente pero comezará de forma oficial o 3 de agosto.

As dúas partes fixaron un calendario que estipula maio de 2025 como o límite para ter asinados os tres primeiros puntos de seis do acordo final -participación, democracia e transformacións-, o que permitiría que Petro acabase o seu mandato coa paz coa última gran guerrilla latinoamericana.

"A maio de 2025 deberán estar asinados os acordos sobre os tres primeiros puntos da axenda de paz, o cal nos dá unha perspectiva de ver asinada a paz co ELN antes de que acabe ese ano", explicou a medios o senador Iván Cepeda, que forma parte da delegación gobernamental.

Dita axenda de paz é a pactada no anterior ciclo de diálogos celebrado en México, no chamado "Acordo de México" e contempla seis puntos: Participación da sociedade na paz, democracia pola paz, transformacións pola paz, vítimas, fin do conflito armado e execución dos acordos.

Aínda que o compromiso é para os tres primeiros puntos, os outros tres poderán ir traballándose nas próximas roldas de forma paralela, segundo aseguraron desde a delegación gobernamental.

Cesamento do fogo

Este cesamento do fogo contempla unha primeira fase de alistamento, ata o 6 de xullo, na que se dará a orde de deter as ofensivas e que se oficializará o 3 de agosto por 180 días, é dicir, que Colombia gozaría do cesamento de enfrontamentos entre o Estado e o ELN durante o que resta de ano.

Trátase do cesamento do fogo máis longo que acordaron ata a data o Goberno de Colombia e o ELN, que non conseguiron finalmente incluír explicitamente un cesamento de hostilidades como o secuestro ou o recrutamento de menores.

"O mundo das armas e de matarnos entre todos desde hai décadas (…) debe cesar. A violencia que vivimos por xeracións, da que fixemos parte pero tentamos superar, dinos que non nos puidemos construír como nación", alegou o presidente durante a clausura. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade