O proxecto de Lei audiovisual introduce garantías para a promoción das linguas cooficiais do Estado
O proxecto de Lei audiovisual introduce garantías para a promoción das linguas cooficiais do Estado
A normativa adáptase á directiva europea
O Goberno aprobou, a proposta do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital,o proxecto de Lei xeral de comunicación audiovisual, que adapta a lexislación española á normativa comunitaria e introduce garantías para unha maior presenza das linguas cooficiais do Estado nos medios de comunicación de servizo público e nas plataformas audiovisuais.
As principais novidades teñen que ver coa promoción das linguas cooficiais do Estado. Entre elas, obriga a RTVE a reservar o 15 por cento da cota en linguas oficiais do Estado a obras en linguas oficiais das comunidades autónomas.
As plataformas de catálogo deberán incluír unha cota de produción para as linguas cooficiais do seis por cento do contido ofrecido. Ademais, a ministra Nadia Calviño detallou que deberán ofrecer en linguas cooficiais as dobraxes ou subtitulacións existentes sempre que sexa tecnicamente posible. Disporanse, dixo, medidas de apoio á dobraxe e á subtitulación.
A nova lei audiovisual incorporará ao dereito español a Directiva europea de Servizos de Comunicación Audiovisual (2018) que estende a regulación que ata o de agora existía para a radio e a televisión aos servizos e contidos audiovisuais de Internet, en especial as plataformas para compartir contidos (redes sociais) e de vídeo á carta (Netflix, HBO Max, Movistar+).
Nadia Calviño asegurou que a lei verase complementada cos investimentos previstos para modernizar a industria audiovisual.