Publicador de contidos
Publicador de contidos

O rei garante o compromiso co pobo ucraíno nunha guerra "sen xustificación"

O rei garante o compromiso co pobo ucraíno nunha guerra "sen xustificación"

Filipe VI amosa a "firme" solidariedade de España coa cidadanía do país que padece un "sufrimento desgarrador"

O rei Filipe VI e a raína Letizia durante o acto
G24.gal 12/03/2022 19:25

O rei garantiu este sábado a plena solidariedade de España con Ucraína ante o sufrimento "desgarrador" que está a soportar a súa cidadanía por mor dunha guerra "sen xustificación".

Filipe VI referiuse por segunda vez publicamente ao conflito de Ucraína (a primeira foi na cea de benvida do Mobile de Barcelona) na homenaxe ao pobo da Palma pola súa conduta exemplar tras a erupción do volcán de Cumbre Vieja.

O acto celébrase na véspera da Conferencia de Presidentes, prevista para este domingo na illa canaria, despois de se suspenderen o pasado 24 de febreiro por mor da invasión rusa de Ucraína.

Segundo expresou o monarca, o aprazamento debeuse a "uns acontecementos que consternaron o mundo e que son totalmente inaceptables".

"Ese día sempre estará marcado na nosa memoria polo inicio dunha guerra sen xustificación, contraria á Carta de Nacións Unidas e que supón unha clara violación do dereito internacional e tráenos a memoria dos peores tempos pasados", subliñou.

Sufrimento "desgarrador"

Desde entón, afirmou que todo o mundo segue con gran preocupación o que está a suceder en Ucraína.

"Amosamos a nosa máis sincera solidariedade coas autoridades e co pobo ucraíno cuxo sufrimento é desgarrador", expresou o monarca.

Unha solidariedade que, asegurou, é consubstancial aos españois "e que queremos que represente un dos maiores valores e fortalezas da nosa unidade e da nosa pertenza á Unión Europea".

"Ante esta nova crise que estamos a vivir, España amosa o seu firme compromiso para axudar aos ucraínos (...) o futuro está hoxe para todos, en España, en Europa e en todo o mundo, moi ligado á crise pola guerra de Ucraína", reiterou.

Apoio e amparo

Engadiu que é consciente de que se deben afrontar novas dificultades e hai que seguir ofrecendo apoio e amparo a Ucraína e, especialmente, aos millóns de cidadáns dese país que foxen do horror.

"A tantas familias truncadas pola separación ou a perda dalgún dos seus membros. Tamén o faremos xuntos, cos nosos socios europeos, facendo grande a casa común que compartimos", garantiu.

Ao acto, presidido polo xefe do Estado xunto á raíña, asistiron Pedro Sánchez, nove dos seus ministros e todos os presidentes autonómicos excepto o de Cataluña, Pere Aragonès.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade