O roscón volve ás pastelerías pola Pascua como tradicional agasallo de madriñas e padriños
O roscón volve ás pastelerías pola Pascua como tradicional agasallo de madriñas e padriños
A competencia cos ovos de chocolate está difícil aínda que sae máis económico o roscón
Marcando o equinoccio de primavera romano ou o remate da Coresma cristiá, a orixe da tradición de que madriñas e padriños agasallen os afillados cun roscón pola Pascua esváese ante un dos recendos que marcan a Semana Santa, o do anís dos roscóns.
E así cheiran desde hai días as rúas nas que hai pastelerías que reciben encargos durante toda a semana, sobre todo nos días festivos, mesmo para levar fóra de Galicia como nos conta Ana Belén Navarro da pastelería compostelá San Roque e Las Colonias.
"Hai madriñas e padriños que o levan durante a semana, pero o domingo é o día máis grande. Podemos vender unhas 400 pezas. O clásico é o que máis se vende, con diferenza".
Antes que se facían na casa, non había dúbidas, pero agora que se compran nas pastelerías, a tradición atlántica da rosca titubea ante a dos ovos e monas de chocolate, máis do Mediterráneo, pero non se rende.
"Tamén é unha tradición ir co teu afillado á pastelería e deixalo escoller o roscón ou o ovo", segura Ana Belén Navarro.
Os gustos cambian de xeración en xeración e o roscón de Pascua reinventouse sen apenas variar de prezo desde o ano pasado. O clásico leva froitas confeitadas e os novos, améndoa porque á xente nova non lle gustan as froitas. Un roscón de medio quilo anda sobre dez ou doce euros.
E así ata que o afillado case... polo menos...