O salto da cacharela require sobriedade e precaución
O salto da cacharela require sobriedade e precaución
A noite das fogueiras entraña riscos que se poden evitar actuando con sentido común
O recordatorio de prevención de riscos coa cacharela empeza á hora de facela. Só debe utilizar leña, refugallo agrícola ou madeira limpa. Non aproveite a circunstancia para queimar mobles, plásticos e outros materiais que deben acabar no punto limpo. O seguinte é que a morea estea dentro das limitacións que sinala a normativa municipal.
Jorge Fernández, xefe de servizo do GES de Brión, pide que "non superen as dimensión establecidas, nin estean próximas a vivendas, árbores ou construcións inflamables. Non usar acelerantes, nin gasolina, nin sprays para prender o lume. Canto máis xente se xunta arredor, máis coidado hai que ter, claro".
A tradición de saltar a cacharela é mellor que a deixe para outra ocasión, se chegado o momento non ten a sobriedade necesaria para tratar co lume. O salto debe ser individual e só unha persoa cada vez.
"É o momento en que a festa xa está desenvolvida, incluída a inxesta de alcol, entón un momento de risco e unha queimadura é un problema bastante serio, así que hai que ter un coidado especial".
"O máis importante é usar o sentido común, está claro. Trátase dunha festa moi estendida, e como é festa, sempre hai alcol, descontrol, e o alcol e o lume nin son amigos nin compatibles", sinala Jorge Fernández.
E antes de abandonar o sitio da celebración, deixar todo ben apagado e recollido. Os servizos de urxencia están de garda e, lembran, prefiren non ter que ir á cacharela.