Publicador de contidos
Publicador de contidos

O San Xoán fai meiga a noite en Galicia

O San Xoán fai meiga a noite en Galicia

Milleiros de persoas bótanse ás rúas para escorrentar as meigas con cacharelas e sardiñas

G24.gal 24/06/2023 14:41 Última actualización 24/06/2023 14:51

Con lume e música, ducias de milleiros de persoas, moitas delas acampadas desde días atrás, ateigaron a praia coruñesa de Riazor para rachar o veo nocturno e escorrentar o meigallo. É o San Xoán, a noite máxica, onde o pretérito queda atrás e o verán irrompe con toda a súa plenitude vital.

O lume purificador botou a andar pasadas as once da noite devorando a falla principal dedicada este ano ao finado Arsenio Iglesias, e a partir da medianoite, a praia fíxose festa. 

Os testemuños ían dos que gozaban da esmorga por primeira vez e quedaban sorprendidos polos fogos artificiais, ata os que aseguraban que acudían polo ben que o pasaban cos amigos e a familia.

O salto por riba das cacharelas para espantar as meigas, tres, sete ou nove veces segundo os gustos; as sardiñas que non falten (a cinco ou seis euros o quilo este ano) e tampouco faltaron as herbas de San Xoán, casadoiras unhas veces, protectoras contra o meigallo outras. E cumpriron o seu papel porque entre as numerosas incidencias que houbo por toda Galicia entre queimaduras, caídas e fogueiras descontroladas, non houbo que lamentar feridos graves, só bo ambiente.

"Esta festa é incrible. Se non vides un ano, non sabedes o que estades perdendo", sentenciaba un dos asistentes.

San Xoán tamén foi máxico en Nigrán, e en Santiago de Compostela e na Costa da Morte, e tamén na Mariña e no resto de Galicia. Esta noite conseguiu encher de feitizo a velada, pero o seu conxuro volverá o ano que vén, e con máis forza ca nunca.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar