O sector financeiro destaca a boa saúde dos bancos en España e desbotan un contaxio
O sector financeiro destaca a boa saúde dos bancos en España e desbotan un contaxio
Din que os mecanismos de control tras da crise do 2008 garanten a súa solvencia
A primeira alarma saltaba nos Estados Unidos. O colapso do Silicon Valley Bank e outra pequena entidade rexional puxo en alerta o sistema financeiro mundial.
"É un banco que se financia con depósitos dunha serie de empresas con moi pouca diversificación", di Alejandra Kindelán, presidenta da Asociación Española de Banca.
Pero a desconfianza dos investidores agravouse coa caída na bolsa de Credit Suisse, o segundo banco do país. A decisión da entidade de pedir o rescate, máis de 50.000 millóns de euros do Banco Central Suízo para asegurar a súa liquidez conseguiu calmar, polo momento, os mercados cunha repunta nas bolsas. Pero hai incerteza.
Desde o sector financeiro din que os bancos na Unión Europea contan con mecanismos de control e supervisión, a raíz da crise do 2008, que garanten a súa saúde e desbota un contaxio.
"Rotundamente non hai risco de contaxio á banca española. Son situacións distintas. En España temos bancos sólidos", explica Kindelán.
"Temos un sistema robusto e polo tanto seguridade e estabilidade", mantén Antonio Garamendi, presidente da CEOE.
O Goberno di que os problemas se limitan a entidades alleas á Unión Europea e chama á prudencia.
"Estamos moi alerta porque a situación internacional ten esas turbulencias. Pero tranquilidade porque despois da anterior crise os sistemas financeiros reforzáronse moito", afirma María Jesús Montero, ministra de Facenda.
"Temos que actuar con prudencia e cautela, pero tamén ser conscientes de que as entidades financeiras teñen unha boa saúde", conclúe Félix Bolaños, ministro de Presidencia.
Os bancos con presenza no IBEX 35 abriron a sesión na bolsa con tendencia alcista, co BBVA e o Santander á cabeza, pero foron perdendo forza.