O sector hostaleiro prepárase para o Entroido, unha das festas máis rendibles
O sector hostaleiro prepárase para o Entroido, unha das festas máis rendibles
Á parte de troula e diversión, o Entroido tamén é unha actividade económica de gran calado nos concellos con máis tradición
Move milleiros de persoas que comen, dormen e consomen
O século XXI foi a explosión dos entroidos, que, exceptuando a época da pandemia, baten novas marcas de participación cada ano, o cal se reflicte, en primeiro lugar, nas reservas de aloxamento.
Alberto García, xerente de hotel: "Agora estaremos a un 80 por cento, pero esperamos chegar ao 100 por cento".
A cidade foi a última en subir ao tren do Entroido na provincia de Ourense, e as previsións de ocupación, a tres semanas dos días grandes, non poden ser máis optimistas.
Francisco Javier Outomuro, presidente da Unión de Hostaleiros de Ourense: "Esperamos que, como mínimo, sexa igual que o ano pasado, que foi todo un boom".
O sector hostaleiro é o máis beneficiado, pois bares e restaurantes teñen no Entroido o seu particular agosto invernal.
Alberto Rúa, presidente dos hostaleiros de Xinzo: "O Entroido sempre é sinónimo de boas caixas e de traballar moito".
En Verín, as comadres disparan a actividade dos restaurantes con ceas multitudinarias, e, en Xinzo, o traballo estírase durante máis dun mes, desde o fareleiro á Piñata.
Iván Prado, hostaleiro de Xinzo: "Son moitos días de moito traballo, pero saímos recompensados".
Tamén moven cartos as festas gastrómicas que acompañan o entroido, dende o botelo no Barco á androlla en Viana ou o cabrito de Vilariño de Conso, que esgotan as entradas en canto saen á venda.