Publicador de contidos
Publicador de contidos

O sector pesqueiro vai ir ata o final contra os eólicos mariños

O sector pesqueiro vai ir ata o final contra os eólicos mariños

Afirma que os institutos científicos de referencia recoñecen incógnitas sobre a afectación

A experiencia dos pescadores portugueses acrecenta a preocupación do sector galego

A industria do metal ve compatible a eólica mariña coas actividades pesqueiras

G24.gal 19/03/2023 14:02 Última actualización 19/03/2023 17:05

Fronte ás costas galegas seleccionáronse case 2.200 quilómetros cadrados para montar eólicos mariños. A xente do mar insiste en que non hai estudos científicos que avalíen o perigo para o sector pesqueiro e os ecosistemas, como explica o asesor xurídico da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores.

"O impacto en relación aos ecosistemas mariños hai que avalialo, telo e estudalo e non tirarse ao monte como fixeron e empezar xa a ordenar e preparar para poxas amplas zonas do espazo mariño sen ter esa información básica e esencial".

Torcuato Teixeira puntualiza que varios institutos científicos de referencia, como o Instituto de Ciencias Mariñas de Noruega, recoñecen que hai incógnitas sobre as repercusións e piden precaución.

"Aínda que a ministra Teresa Rivera diga que consultou no norte de Europa as posibles afectacións e que mesmo chegou á conclusión de que ata poden ser favorables para o sector pesqueiro, a realidade é outra".

O exemplo máis próximo de eólicos mariños encóntrano en Portugal e subliñan que a información que lles chega de alí acrecenta os seus temores.

"Os pescadores portugueses están clamando ao ceo porque ven que na zona limítrofe do polígono da eólica mariña que hai en Viana do Castelo está desaparecendo o peixe totalmente. Polo tanto, os indicios apuntan a que nos debemos preocupar aínda máis do que nos estamos preocupando".

Afirman que hai moito en xogo e que van ir ata o final na defensa da pesca e dos ecosistemas mariños.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade