Publicador de contidos
Publicador de contidos

O sector pesqueiro protesta contra a "nefasta xestión" do comisario europeo

O sector pesqueiro protesta contra a "nefasta xestión" do comisario europeo

O sector pesqueiro galego e europeo fai soar as bucinas dos barcos no mediodía deste martes en protesta pola política pesqueira da Comisión Europea

O presidente da Federación Nacional de Confrarías, Basilio Otero, denuncia que "Europa nos está obrigando a desparecer e a importar máis peixe doutros países que non respectan as nosas normativas sociais e ambientais" 

G24.gal 09/05/2023 09:21

O sector pesqueiro galego participa esta mañá na protesta organizada por sindicatos, confrarías e armadores de toda Europa contra a política pesqueira da Comisión Europea.

Ás doce do mediodía soarán as bucinas dos barcos en todos os portos galegos e europeos e en Ribeira haberá ás oito da tarde unha concentración fronte á lonxa organizada polo Consello Local de Pesca.

Nunha entrevista na Radio Galega, o presidente da Federación Nacional de Confrarías, Basilio Otero, denunciaba que as políticas da Comisión Europea conducen á desaparición do sector e obrigan a importar peixe de países terceiros que non respectan a normativa social e ambiental europea.

"É un berro de auxilio fronte a nefasta xestión dun comisario de Pesca da Comisión Europea que non atende a razóns, que só atende a mirar por un futuro persoal que ve incerto".

Un dos focos das denuncias do sector é a pesca de fondo. Basilio Otero advirte de que as negociacións sobre o establecemento de zonas de prohibición para a pesca de fondo non avanzan e, se o fan, fano nunha dirección contraria ás demandas dos profesionais.

"No último informe debíase de poñer negro sobre branco cales son as necesidades de protección, pero en vez de reducir esas zonas, amplíanse".

"Europa estanos obrigando a desaparecer e a importar máis peixe doutros países terceiros que non respectan nin o medio mariño nin a normativa social europea".

Basilio Otero, que é tamén patrón maior de Burela, considera que a Comisión Europea ten como obxectivo a prohibición da pesca de arrastre. 

"Este comisario, o lituano Virginijus Sinkevicius, pon no foco da xente cousas que non son de todo certas e que en moitos casos xa están superadas. Temos que demostrarlle á xente que non hai ninguén máis interesado ca nós en protexer o medio mariño porque del vivimos nós e as nosas familias". 

Amais do son das bucinas ao mediodía, o Consello Local de Pesca de Ribeira organizou unha concentración de protesta diante da lonxa ás oito da tarde deste mércores. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade