Publicador de contidos
Publicador de contidos

A folga de médicos implicou a suspensión de 1.021 cirurxías

A folga de médicos implicou a suspensión de 1.021 cirurxías

Tamén tiveron que suspenderse 19.132 consultas externas e 1.714 probas

O seguimento da folga de médicos chega a case o 13 %, segundo o Sergas

O mércores hai unha reunión entre o Sergas e os sindicatos para negociar a desconvocatoria da mobilizacións

G24.gal 17/04/2023 11:59

O seguimento da folga de médicos convocada polo sindicato CESM-Galicia desde o pasado martes chega ao 12,47 % este luns, na mañá da súa sétima xornada, segundo os datos do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Despois das menores cifras de seguimento rexistradas durante a fin de semana, no que segundo o Sergas moitas áreas sanitarias tiveron un 0 % de seguimento da folga, o apoio a esta convocatoria subiu ao comezo da semana, nunha xornada en que acudiu traballar o 87,53 % do persoal médico.

Ademais, ata o momento, a folga implicou a suspensión de 1.021 cirurxías, 19.132 consultas externas e 1.714 probas.

Por áreas sanitarias, as porcentaxes máis elevadas de participación na folga volven ser os da área de Vigo, cun 16,78 %; pero tamén supera os dous díxitos na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, con 15,87 %; a da Coruña e Cee, co 12,75 %; e a de Ourense, Verín e O Barco, con 12,40 %.

Na área de Pontevedra e O Salnés o seguimento da folga esta mañá é do 9,43 %; na de Santiago de Compostela e A Barbanza, do 9,34 %; e na de Ferrol, do 7,27 %.

O grao de cumprimento dos servizos mínimos está a ser, como en todas as xornadas anteriores do 100 %, segundo informa a Consellería de Sanidade. 

Decenas de médicos maniféstanse por Lugo ao berro de “non podemos máis”

Fixérono para visibilizar o paro. A manifestación comezou na Praza Maior de Lugo, fronte ao Concello, e desde alí desprazouse pola rúa da Raíña e as prazas de Santo Domingo e San Marcos, para finalizar na praza de Ferrol, fronte ao antigo Centro de Especialidades do Sergas.

Os médicos marcharon detrás de dúas pancartas nas que podían lerse os lemas: “Pola sanidade pública. Médicos en folga” e “A sanidade pública en Galicia agoniza”.

Moitos, deles vestidos coas seus batas brancas, percorreron parte do traxecto cun berro co que tentaban sintetizar en poucas palabras o seu estado de ánimo e o motivo polo que se sumaron a este paro: “Non podemos máis”.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade