O Sergas convocará 1.157 prazas, 287 delas para médicos e 152 para especialidades de enfermería
O Sergas convocará 1.157 prazas, 287 delas para médicos e 152 para especialidades de enfermería
Contarán con 309 prazas de persoal na categoría de licenciado sanitario, 526 de diplomado sanitario e de formación profesional e 322 prazas na categoría de xestión e servizos
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) convocará na próxima oferta pública de emprego un total de 1.157 prazas, das cales, 287 corresponden a categorías de facultativo e 152 para distintas especialidades de enfermería.
A proposta foi presentada pola Consellería de Sanidade na mesa sectorial de sanidade celebrada este xoves, onde contou co voto a favor de tres das catro organizacións sindicais presentes -CSIF, CC.OO. e UXT-.
As próximas oposicións para un posto no Sergas contarán con 309 prazas de persoal na categoría de licenciado sanitario, 526 de diplomado sanitario e de formación profesional e 322 prazas na categoría de xestión e servizos.
En total, reserva 287 prazas para médicos, entre as que destacan as 38 para a especialidade de facultativo de urxencias hospitalarias, 23 de medicina interna, 15 de psiquiatría e 13 de pediatría de atención primaria.
Para enfermería convocaranse 152 prazas reservadas ás especialidades de Enfermería familiar e comunitaria (88), Enfermería pediátrica (50) e Obstetricia-Xinecoloxía (14).
A oferta tamén contempla 331 prazas para técnicos en coidados auxiliar de enfermería e 15 para fisioterapeutas, así como 150 prazas de celador, 70 de administrativos e 51 para servizos xerais.
Así mesmo, o Sergas, que, con esta, ten pendentes 933 prazas de convocatorias anteriores, reserva 58 para persoas con discapacidade xeral e 24 para discapacidade intelectual.
Permisos de maternidade ou paternidade
Doutra banda, na mesa sectorial deste venres tamén foron aprobados os criterios para o goce por parte do persoal temporal das listas de contratación do Sergas das seis semanas adicionais do permiso por maternidade ou paternidade.
A través deste acordo, que se aplicará de forma inmediata, garántese que este período poderá ser gozado polo traballador do Sergas durante o primeiro ano de vida do fillo independentemente da continuidade ou non do vínculo contractual coa administración.