Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Sergas quere eliminar a hepatite C como problema de saúde antes de 2026

O Sergas quere eliminar a hepatite C como problema de saúde antes de 2026

Porá en marcha un cribado de toda a poboación de entre 40 e 69 anos

Pódese curar no 100 % dos casos pero é unha enfermidade silenciosa

Estímase que unhas 4.500 persoas padecen a doenza en Galicia

G24.gal 02/10/2022 14:11 Última actualización 02/10/2022 14:44

O sábado conmemorábase o día mundial da hepatite C e esta semana coñeciamos a estratexia da Xunta para conseguir que esta enfermidade deixe de ser un problema de saúde pública en 2026.

Ese plan usará intelixencia artificial para identificar pacientes, porá en marcha un cribado de toda a poboación de entre 40 e 69 anos, e achegará o diagnóstico e tratamento a persoas en situacións vulnerables, coma as que están en prisión. 

"O eixe principal desta estratexia é diagnosticar estas persoas cando entren en contacto co sistema sanitario e o que chamamos un cribado oportunista, é dicir, tomar esa oportunidade de contacto co médico de familia, co hospital cos servizos de urxencia para detectar estes casos", di Juan Turnes, xefe do servizo de aparato dixestivo no complexo hospitalario de Pontevedra.

Moitas das accións deste plan probáronse antes na área de Pontevedra-O Salnés con moi bos resultados.

Incidencia en Galicia

As autoridades sanitarias estiman que unhas 4.500 persoas padecen na actualidade en Galicia hepatite C. Unhas 8.500 persoas curáronse nos últimos sete anos cos novos tratamentos. 

A hepatite C pódese curar no 100 % dos casos pero é unha enfermidade silenciosa. Non ten síntomas ata que o dano é grave e xa produciu unha cirrose ou un cancro no fígado.

Arredor do 85 % das persoas afectadas por esta enfermidade ten entre 40 e 69 anos.

"O cribado por idade comezará o ano vindeiro, no 2023, para aqueles que teñen entre 50 e 59 anos e nos dous anos seguintes iremos cambiando de segmento de idade", indicou o doutor Juan Turnes.

España lidera a eliminación do virus e podería converterse no primeiro país do mundo en erradicalo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade