O Sevilla xoga con lume pero progresa na Europa League
O Sevilla xoga con lume pero progresa na Europa League
O fútbol español amosa a baixada de nivel coas eliminacións do Betis, a Real Sociedade e o Vilarreal
O Sevilla pasou aos cuartos da Europa League non sen antes sufrir co Fenerbahce, que gañou o partido pola mínima, pero a renda de dous goles da ida serviulles os de Sampaoli. O único gol do encontro foi de penalti transformado por Enner Valencia no minuto 41.
O equipo español sufriu ata o final para certificar o seu pase. Houbo nove minutos de engadido porque o encontro se detivo logo de que un chisqueiro lanzado desde as gradas batera no gardameta do Sevilla Dimtrovic.
O Betis caeu eliminado tras perder co Manchester United no Benito Villamarín. Tras o 4-1 da ida, os de Pellegrini tentaron unha remonta histórica pero no comezo do encontro petaron co pau e con De Gea. Despois do descanso, o Manchester United sentenciou a eliminatoria co único gol do partido anotado por Rashford (0-1).
A Real Sociedade fallou moitas ocasións e non puido pasar do empate sen goles ante a Roma, un resultado que os deixa fóra despois da derrota por 2-0 en terras italianas.
O Vilarreal tiña na súa man o pase aos cuartos da Conference League, pero tamén errou multitude de oportunidades e acabou perdendo por 0-1 no Madrigal ante o Anderlecht. O gol de Slimani decidiu unha eliminatoria en que os españois partían con certa vantaxe despois do empate na ida.