O Son do Camiño esgota os aloxamentos en Santiago
O Son do Camiño esgota os aloxamentos en Santiago
O festival, que traerá ao Monte do Gozo máis de 40 artistas internacionais, enche as prazas hoteleiras na cidade
Tres días antes do comezo do Son do Camiño xa é moi complicado atopar praza nos hoteis de Santiago. Quedan cuartos soltos pero está moito máis difícil conseguir aloxamento se se viaxa en grupo. Os pisos turísticos practicamente completaron as reservas xa en outubro, cando se coñeceron as datas do festival. Así que outras opcións posibles o cámping ou o turismo rural en concellos da contorna.
45.000 persoas por día, de xoves a sábado, adquiriron abonos ou entradas dun día para asistir á primeira gran cita musical do verán en Galicia. E a maioría de hoteis, pousadas e pensións colgan desde hai días o cartel de completo.
"Os compañeiros que están connosco na asociación e que teñen hoteis que se dedican máis a grupos xa están cheos desde hai días. Pode quedar algún cuarto, pero en xeral estamos completos", explica Sara Santos, presidente da asociación Hostalería de Santiago.
Moitos dos que veñen ao festival en grupo e optaron por alugar albergues ou pisos turísticos teñen xa as reservas desde hai medio ano. Hai que ser previsor, para poder dedicarse tres días a desfrutar da música sen preocupacións. Pero aínda hai opción, por exemplo, en tendas de campaña, no propio Monte do Gozo.
"De 280 tendas que temos quedarannos unhas 30 máis ou menos para poder alugarllas a persoas que poidan vir, mercado directamente no módulo ou por Internet", di Manuel Penado, o encargado do Glamping do Son do Camiño.
No recinto do concerto máis de 1.000 traballadores ultiman os preparativos no Monte do Gozo, coa axuda, por fin, do bo tempo. Desta vez, o prato forte, a banda norteamericana de punk-rock Green Day, vai diante.
"O xoves esperamos a Green Day que é un gran reclamo porque levaba sen pisar Galicia desde hai trinta anos porque tocaran na Iguana Club de Vigo, que é un local con moita historia pero pequeniño", conta Cristina García, responsable de Comunicación.
O xoves será o día e maior afluencia e cunha media de idade un pouco maior. Para o venres e o sábado e con bo tempo asegurado quedan aínda algunhas, moi poucas, entradas.