O Son do Camiño reunirá a 120.000 persoas de 35 países en Santiago
O Son do Camiño reunirá a 120.000 persoas de 35 países en Santiago
O festival xera arredor de 1.000 postos de traballo directo e máis de 5.000 indirectos
O festival O Son do Camiño, que se celebra os próximos días 15, 16 e 17 de xuño, volverá reunir en Santiago de Compostela 120.00 persoas procedentes de máis de 35 países.
Ademais, grazas ao festival xeraranse arredor de 1.000 postos de traballo directo e máis de 5.000 indirectos, e calcúlase que o retorno económico en toda Galicia pode alcanzar os 90 millóns de euros.
Así o avanzaron este martes os directores do festival O Son do Camiño, Kin Martínez e Iván Méndez, que xunto á directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e ao manager de Estrella Galicia, Ramón de Mer, deron conta dos detalles da edición deste ano.
Puxeron en valor que a cita musical vendeu todos os abonos o primeiro día, o que demostra a “enorme confianza que ten o público na iniciativa galega”.
“Non hai maior proba de que o festival é en si unha marca referencia na industria dos espectáculos en directo”, consideraron os organizadores.
Poñen de relevo que O Son do Camiño é un dos eventos musicais presentes na clasificación dos 10 festivais con maior ocupación e afluencia de público de todo o país.
Pola súa banda, Nava Castro asegurou que esta cita se converteu nun emblema e un sinal de identidade dos festivais en Galicia, que son ademais un puntal na recuperación tanto do sector cultural como do turístico.