O Supremo establece 15 minutos de cortesía na hora de entrada ao traballo
O Supremo establece 15 minutos de cortesía na hora de entrada ao traballo
Tamén fixa que o tempo que empregamos nun receso durante a xornada se contabilice como tempo traballado
O Tribunal Supremo ratifica nunha sentenza que o tempo de almorzo e o de inicio de rexistro de xornada, cunha marxe de cortesía de ata 15 minutos, deben considerarse como tempo traballado.
Nunha sentenza datada o pasado 5 de marzo, a sala do social estimou os recursos de UXT, CCOO e SECB ante un ditame da Audiencia Nacional de outubro de 2020 que afecta o persoal de CaixaBank.
Na súa sentenza, o Supremo entende que debe considerarse tempo de traballo efectivo o que transcorre nos 15 minutos posteriores á hora establecida para o inicio da xornada laboral, para aqueles traballadores que teñan "control ríxido de horario" e non teñan categoría de xefes ou asimilados.
Así mesmo, avala o dereito a que o tempo de almorzo sexa contabilizado como tempo de traballo efectivo, como cabe deducir dos acordos previos á implantación do rexistro de xornada.
Nunha sentenza anterior, o alto tribunal recomendara ás empresas a creación dunha guía coas pautas precisas para activar o rexistro de xornada.
No presente caso, CaixaBank elaborou esa guía, e considerou que o rexistro de xornada debe ser fiel reflexo da realidade, polo que xa non era posible que os minutos posteriores á hora de entrada fosen considerados como efectivamente traballados.
Pero o Supremo entende que quen chega ao seu traballo durante os 15 minutos posteriores á hora de inicio da xornada ten dereito a que a súa fichaxe se considere realizada de maneira puntual.
Este novo método de rexistro de xornada, explica o Supremo, non pode servir para introducir cambios nas condicións de traballo ou descoñecer calquera dereitos, e nos acordos da entidade financeira xa se establecía esa posibilidade.