O temporal atrasa a saída dos cerqueiros para a costeira do bocarte
O temporal atrasa a saída dos cerqueiros para a costeira do bocarte
Agardarán á semana que vén para viaxar cara ao Cantábrico
Este ano teñen un 5 % máis de cota, cun tope diario de 10.000 quilos
Tiñan moitas ganas de partir polo bocarte do Cantábrico, pero a borrasca obrígaos a quedar en terra ata a semana que vén.
"Só hai dous barcos que saíron antes do temporal, os demais ían saír esta madrugada, pero polo mal tempo van ter que agardar ata o luns ou o martes, así poderán navegar tranquilos, sen golpes", explica Isaac Gaciño, o patrón maior da confraría de Portosín.
Despois de tres meses de parada, sen ir á sardiña ou ao xurelo, o cerco de Portosín ten moitas esperanzas postas nesta costeira, que os levará polos portos do País Vasco, Cantabria ou Asturias ata xuño.
"A ilusión é grande por poder saír e comezar a gañar cartos. Hai que pagar moitas facturas pero se o tempo non nos axuda teremos que agardar un pouco máis, antes a vida que os cartos", di Eduardo Carreño, o armador do cerqueiro Ardorán.
Este ano teñen un 5 % máis de cota, cun tope de 10.000 quilos diarios para os barcos máis voluminosos. Agardan que sexa unha boa campaña, porque coa sardiña non lles dan as contas.
"Tentaremos que a costeira do bocarte se prolongue o máximo posible. Vir para aquí a que só nos deixen coller dous ou tres mil quilos de sardiña e que nolos paguen a 50 ou 60 céntimos, non paga a pena. Así non se pode manter unha embarcación con doce mariñeiros", lamenta Eduardo Carreño.
"Co recorte de capturas de sardiña e xurelo, a campaña do bocarte e da xarda é a que nos permite nivelar o poder adquisitivo das nosas empresas", di o patrón maior de Portosín.
De feito, hoxe en día o bocarte e a xarda representan un 70 % dos ingresos dun cerqueiro coma este. Pero haberá que agardar a que amaine o temporal para que entren na rede.