O temporal de neve complica a operación retorno, que finaliza este luns
O temporal de neve complica a operación retorno, que finaliza este luns
A neve afecta a medio cento de estradas en Asturias, Huesca, Burgos ou Lleida
En Galicia a operación retorno transcorreu con tráfico intenso pero sen complicacións
A cota de neve vaise situar este luns entre os 900 e os 1.100 metros de altitude
Galicia sortea o primeiro gran temporal de neve da temporada, que está complicando o tráfico en moitos lugares de España con medio cento de estradas cortadas.
En Galicia a operación retorno desta ponte da Constitución transcorreu con tráfico intenso nalgunhas estradas pero sen grandes retencións. A neve só chegou ás zonas montañosas da provincia de Lugo pero non impediu a circulación de vehículos.
"Si que vin que estaban os camións quitaneves preparadas, todos estacionados, pero non había... quizais á altura do Cebreiro comezaba a folerpar un pouquiño, pero pouca cousa de momento".
Fóra de Galicia a situación complicouse polo temporal de neve en estradas de Cataluña, Aragón ou Asturias e tamén noutros lugares onde se rexistraron accidentes, como Madrid, Castelló ou Guipúscoa.
A Dirección Xeral de Tráfico pide precaución para circular pola AP-66 en Asturias, que de momento está transitable.
No Principado, os camións e vehículos pesados non poden circular polo porto de Pajares e os turismos deben levar cadeas ou pneumáticos de neve.
No Pireneo aragónes dúas estradas foron pechadas ao tráfico e é obrigatorio o uso de cadeas noutras quince.
En Cataluña tamén estradas cortadas pola neve, sobre todo na zona norte, coma o porto da Bonaigua, e na AP7 rexistráronse atascos quilométricos debido a unha avaría que obrigou a cortar un carril.
Dez perosas morreron en accidentes de tráfico des que comezou esta ponte; catro eran motoristas e unha, un peón.
Previsión para este luns
Este luns, as altas presións vanse situar sobre as Illas Británicas. Traerán a Galicia vento do nordés e achegarán aire frío e chuvascos, con choivas máis probables e intensas na metade norte.
Segundo a previsión de MeteoGalicia, a cota de neve vaise situar nos 900-1000 metros pola mañá e subirá aos 1000-1100 metros pola tarde. Haberá acumulacións de neve superiores aos 5 centímetros en 24 horas na montaña lucense.
As temperaturas manteranse sen cambios significativos e o vento soprará do norte-nordés moderado en xeral, forte a primeiras horas no litoral norte.
Temperaturas mínimas e máximas previstas nas cidades:
Lugo 5 °C 9 °C
Vigo 7 °C 13 °C
Ferrol 10 °C 13 °C
Santiago 7 °C 11 °C
Pontevedra 5 °C 12° C
A Coruña 8 °C 11 °C
Ourense 5 °C 12 °C