Publicador de contidos
Publicador de contidos

O temporal Irene deixa forte choiva e vento en Santiago

O temporal Irene deixa forte choiva e vento en Santiago

Ata primeira hora da mañá deste xoves, en Cariño acumuláronse 17,3 l/m2 e en Fornelos de Montes, 15,3 l/m2

O refacho de vento máis alto nas primeiras horas do día rexistrouse en Carballeda de Valdeorras (en estacións de máis de 900 metros de altura) con 117,5 km/h; mentres que en lugares por baixo desta altitude foi Cuntis, con 107,9 km/h

G24.gal 18/01/2024 09:48

O temporal Irene deixou unha madrugada na capital galega de forte choiva e vento e, non en balde, Santiago de Compostela acumula a primeira hora deste xoves o rexistro máis alto de auga, con 19,9 litros por metro cadrado. Ademais, segundo a información de Meteogalicia, que depende da Consellería de Medio Ambiente, en Cariño (A Coruña) acumuláronse no que vai de xornada (desde as 00,00 ata as 8:30 horas do xoves) 17,3 litros por metro cadrado e en Fornelos de Montes (Pontevedra), 15,3 litros por metro cadrado.

Pola súa banda, o refacho de vento máis alto rexistrouse en Carballeda de Valdeorras (en estacións de máis de 900 metros de altura) con 117,5 quilómetros por hora; mentres que en lugares por baixo desta altitude foi Cuntis, con 107,9 quilómetros por hora o rexistro máximo nas primeiras oito horas do día. A temperatura máis baixa rexistrouse na Veiga, con 1,4 graos, e na cabeza de Manzaneda, con 1,5 graos. A máxima máis alta produciuse na Coruña, con 15,6 graos.

O temporal Irene deixará paso a unha situación de maior estabilidade ao longo deste xoves, despois de que na xornada do mércores se producisen tamén forte choiva e un fenómeno meteorolóxico extremo arrasase tellados, muros e até un caseto de obra en Cambados.

Os refachos de vento bateron a súa marca na illa de Ons con 148 quilómetros por hora rexistrados preto do mediodía de onte. Tamén houbo valores moi altos en Carballeda de Valdeorras, onde ás nove da noite o vento superaba os 134 quilómetros por hora. Se falamos de chuvia, as maiores acumulacións rexistráronse na provincia de Pontevedra, con cen litros por metro cadrado en Forcarei e 75 litros e medio por metro cadrado en Fornelos de Montes.

Cifras da borrasca Irene na xornada deste mércores Cifras da borrasca Irene na xornada deste mércores
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos