Rueda agarda "medidas comúns para toda España" na conferencia de presidentes
Rueda agarda "medidas comúns para toda España" na conferencia de presidentes
O vicepresidente primeiro da Xunta admite preocupación pola cifra de contaxios diarios
Conta rematar a dose de reforzo para menores de 60 anos a vindeira semana
Considera unha "grandísima noticia" a chegada do AVE a Ourense pero lembra que está "incompleto"
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, considera unha "boa iniciativa" a convocatoria da conferencia de presidentes a semana que vén para abordar a situación da sexta vaga, pero agarda que "sexa para algo máis que para salvarlle a cara ao Goberno central".
Nunha entrevista no Galicia por Diante fin de semana da Radio Galega, Rueda opina que "ten que haber unha mínima coordinación en todo isto e non deixar absolutamente todo en mans das comunidades autónomas" á falta dunha lei de pandemias, que considera que facilitaría a xestión.
"Tería que haber unha serie de medidas comúns para toda España, ademais estamos tendo unha incidencia moi parecida en todas as comunidades autónomas e hai certos aspectos que deberían ser iguais, deberían coordinarse. Xa digo, esta alerxia que ten o Goberno central a complicar a vida con calquera cousa da pandemia que lles supoña tomar unha decisión ata o de agora levounos a ter que tomar as nosas decisións, a depender de cada criterio, de cada tribunal superior de xustiza, ás veces con criterios dispares".
Contaxios diarios
Rueda admite preocupación pola cifra de contaxios diarios "moi elevada" que rexistra Galicia, pero engade que "estes últimos días parece que se vai estabilizando" e iso dá "certa esperanza de que puideramos estar chegando ao pico desta vaga" aínda que con toda prudencia. Con todo, o vicepresidente di que hai que seguir observando "as restricións en vigor" para chegar "ás datas centrais do Nadal con certa normalidade".
Rueda tamén aposta por agardar á semana que vén para coñecer a incidencia da ponte da Constitución e saber se haberá que tomar novas medidas, desexa en todo caso que coas vixentes sexa dabondo.
Vacinación
O vicepresidente primeiro da Xunta prevé rematar a semana que vén coa administración das doses de reforzo para as persoas de entre 50 e 59 anos "e empezar inmediatamente a seguinte faixa de entre 49 e 40". Na súa opinión non hai que "perder un minuto porque está demostrado que a terceira dose é necesaria e a vacinación funciona".
AVE a Galicia
O vicepresidente primeiro da Xunta celebra a chegada mañá do AVE a Galicia coa viaxe inaugural a Ourense, considérao "unha grandísima noticia" pero engade que é un AVE "incompleto" porque "en Ourense hai que cambiar de tren". Alfonso Rueda agarda que no prazo comprometido polo Goberno central, seis meses, estean funcionando os trens Avril (de ancho variable), que son precisos para facer o percorrido ao resto de cidades en tempos competitivos.