O xurado popular declara culpable do asasinato de Jéssica Méndez a José Eirín
O xurado popular declara culpable do asasinato de Jéssica Méndez a José Eirín
O veredicto considera que o único acusado pola morte da moza en Barro bateu intencionadamente o seu coche contra o dela
O xurado determinou que Eirín debe ser condenado por un delito de asasinato con aleivosía e agravante de xénero
A Fiscalía e a acusación particular piden 24 anos de prisión, mentres que a defensa reclamou que o veredicto sexa devolto "por falta de motivación"
O xurado popular ditaminou que José Eirín foi o autor do asasinato da moza Jéssica Méndez, ocorrido en Barro en marzo de 2022, tras bater o seu coche de forma intencionada contra o da vítima, que estaba parada nun cruzamento.
Tras doce horas de deliberación, ao longo dos dous últimos días, o xurado, por unanimidade de todos os seus membros, considerou probado que, tras anos acosándoa, decidiu matala chocando o seu coche contra o dela.
Fíxoo, engadiron, "eliminando calquera posibilidade de reacción defensiva", polo que consideran que Eirín debe ser condenado por un delito de asasinato con aleivosía e agravante de xénero, como pedían a fiscalía e a acusación particular.
Tamén de forma unánime concluíron que o crime foi un 'feminicidio', pois consideran que o acusado matou a Jéssica Méndez pola "indiferenza" da falecida cara ao acusado e por vir tal indiferenza dunha muller.
Segundo o relato de feitos que queda probado, ás 9:25 horas do 17 de marzo de 2022 o acusado circulaba pola N-550 en Barro e, actuando "co propósito de acabar coa vida" de Jéssica Méndez, "dirixiu intencionadamente" o seu coche contra o da vítima.
Impactou coa zona centro-lateral esquerda do vehículo de Jéssica a uns 80 quilómetros por hora, causándolle lesións "moi graves que determinaron a súa morte".
O fiscal, despois de coñecer este veredicto, reclamou que o autor deste crime sexa condenado a 24 anos de cárcere, petición á que se adheriron as acusacións particulares, que representan á familia e ao noivo da vítima.
O avogado defensor, pola súa banda, protestou porque considera que o tribunal "non indicou ningún dos motivos nos que basea o seu veredicto e "non motivou de forma algunha esas conclusións", polo que reclamou que sexa "devolto por falta de motivación".
Achegados da vítima asistiron á lectura da decisión do xurado e despediron a José Eirín, cando saíu da Audiencia de Pontevedra custodiado pola Policía, con berros de "asasino".
⚖ PONTEVEDRA
— G24 (@G24Noticias) March 19, 2024
O xurado considera probado que José Eirín asasinou a Jéssica Méndez esnafrando o seu coche contra o dela despois de anos de acoso
Máis info aquí 👉 https://t.co/Adn6EHP9y2 pic.twitter.com/N0ePZ1m46m